martes. 22.05.2018 |
El tiempo

O CPEIG anima a usar a lingua galega para navegar pola rede no Día de Internet para difundir a nosa cultura

O CPEIG anima a usar a lingua galega para navegar pola rede no Día de Internet para difundir a nosa cultura

O Día de Internet xorde coa intención de poñer en valor a importancia que teñen as tecnoloxías da información na sociedade

No Día Mundial de Internet, nomeado formalmente como Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e que se celebra por iniciativa da Asociación de Usuarios de Internet dende 2005 o 17 de maio coincidindo na nosa Comunidade autónoma co Día das Letras Galegas, o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fai pública unha reivindicación do uso da lingua galega na navegación por Internet e no manexo das redes sociais. 

O Día de Internet xorde coa intención de poñer en valor a importancia que teñen as tecnoloxías da información na sociedade. Pero ademais, o CPEIG considera que pode ser unha xornada para deixar constancia de que os cidadáns galegos poden empregar a súa propia lingua en Internet, e non só o castelán ou o inglés como maioritaria e instintivamente se pensa. 

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, desvela que o galego, aínda que poida sorprender, está situado entre as 50 primeiras linguas con máis presenza e o número 26 en redes sociais, en relación ás máis de 6.000 linguas que existen no mundo segundo cifras da UNESCO. "O inexorable avance de Internet e o seu afianzamento en todos os estratos da nosa sociedade está a cambiar o mundo dun xeito vertixinoso. E estes cambiso afectan, como non podía ser doutro xeito, ás linguas tal e como as coñecemos, pos son a ferramenta que utilizamos para nos comunicar nos novos medios electrónicos. Aquelas que non estean activas en Internet están abocadas a desaparecer, estimándose que a finais do século XXI, máis da metade das existencias desaparecerán", sinalou Suárez. 

O CPEIG considera que a boa saúde do galego garante o seu uso en Internet, o que axudará a difundir a riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia, aínda que destaca que se precisa do apoio das Administracións Públicas. “Hai que procurar que o galego se converta na lingua de referencia nas redes sociais entre a mocidade, que é quen máis as utiliza” –apunta Suárez–. E tamén incide que nun futuro pódese procurar a galeguización das redes sociais, conseguindo versións no idioma galego de cada unha delas.

Comentarios