Novo Plan Municipal de Prevención en Drogodependencias

Novo Plan Municipal de Prevención en Drogodependencias

Este documento vén a cubrir un baleiro relacionado co consumo e prevención de drogas, xa que o Plan municipal anterior databa de 1999

Concha Fernández, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde deu a coñecer esta mañá o novo Plan Municipal de Prevención en Drogodependencias (2018-2021), aprobado onte polo Consello Municipal de Saúde. Na rolda estivo acompañado por María José Blanco e Jorge Carballido, da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Este documento vén a cubrir un baleiro relacionado co consumo e prevención de drogas, xa que o Plan municipal anterior databa de 1999. O documento presentado hoxe incorpora máis dunha ducia de programas específicos de prevención englobados en catro campos, como son a prevención universal, selectiva, indicada e determinada.

O Plan Municipal de Prevención en Drogodependencias baséase nun estudo elaborado o ano pasado pola UMAD en colaboración coa USC e no que se recollían os hábitos de consumo de alcohol, drogas ou uso de internet entre a mocidade compostelá. 

Trátase dun texto participado polo Consello Municipal de Saúde, as ANPAS, as coordinadoras de barrio e distintos profesionais relacionados coa sanidade. O Plan supón un compromiso do concello para liderar todas as iniciativas que poidan xurdir no eido da prevención comunitaria. Entre as accións recollidas e que se desenvolverán nos catro anos de vixencia do Plan inclúense programas coas familias, coas persoas usuarias, cos colexios ou coa poboación en xeral.

Unha das novidades que se incorporan é o achegamento á mocidada. Farano a través do programa de Formación en mediadores e mediadoras deportivos, búscase dotar a estes profesionais dunha serie de coñecementos e habilidades específicas que lles permita potenciar o papel preventivo que realizan.

Comentarios
Lo más