domingo. 20.05.2018 |
El tiempo

Unha publicación do Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia recolle un artigo escrito por María Victoria Moreno sobre os “Seis poemas galegos” de Federico García Lorca

Unha publicación do Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia recolle un artigo escrito por María Victoria Moreno sobre os “Seis poemas galegos” de Federico García Lorca

Preséntaa esta tarde o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ás 19:30 horas na Fundación Torrente Ballester

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia publicaron o libro É a lúa que baila… María Victoria Moreno e a lírica dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Preséntao esta tarde o alcalde Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, ás 19:30 horas na Fundación Torrente Ballester. Ao acto asistirán ademais, o académico Xesús Alonso Montero, autor do limiar; Pedro Ferriol, viúvo de María Victoria Moreno; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; xunto ao responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde.

María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres 1939 – Pontevedra 2005) foi unha apaixonada de Federico García Lorca, sobre o que impartiu diversas conferencias en Galicia. En 1985, coincidindo co 50º aniversario da primeira edición dos Seis poemas galegos do autor andaluz, a escritora redactou un artigo sobre os mesmos por petición do profesor, académico e ex-presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero e que ata o momento só se publicara na revista Madrygal da Universidade Complutense en 2015. Tres anos despois, son poucos os profesionais da literatura que teñen coñecemento deste orixinal comentario de María Victoria Moreno.

O artigo recóllese agora neste libro. Trátase dun mecanoscrito de dezanove folios cunha portada co longo título do traballo e o nome da autora, xunto a un texto no que sinala que “O propósito é dar algún argumento de que os Seis poemas galegos teñen o seu punto de partida no mesmo mundo poético que o resto da obra de Federico García Lorca”.



No seu traballo a autora resalta que “non fariamos unha boa lectura do Lorca poeta galego se non contextualizásemos os Seis poemas galegos no conxunto da traxectoria do seu autor e se non tomásemos como punto de referencia o mundo poético que este posuía cando veu a Galicia en 1932”. 

Este estudo inclúe os Seis poemas galegos, que Federico García Lorca escribe a partir das viaxes que fixo a Galicia en 1932, cando tiña 35 anos e xa contaba cunha brillante traxectoria poética. En Madrigal á cibdá de Santiago o poeta alude á paisaxe, ao clima e ao paso do tempo polas seculares pedras de Compostela. En Romaxe da Nosa Señora da Barca cántalle á virxe. En Cantiga do neno da tenda (cun comentario amplo da autora no anexo deste libro) valórase a saudade do emigrante galego, mentres que Noiturnio do adolescente morto e Danza da lúa en Santiago teñen como tema común a morte. E, finalmente, en Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta Lorca fai un paralelismo entre a poetisa e Cristo.

Comentarios