martes. 22.05.2018 |
El tiempo

A Festa da Tortilla de Carcacía empregará o sábado 8.000 ovos e 1.600 quilogramos de patacas

A Festa da Tortilla de Carcacía empregará o sábado 8.000 ovos e 1.600 quilogramos de patacas

O programa de actividades arrancará ás 9.00 horas cos traballos previos da elaboración da tortilla e ás 9.30 coa apertura dunha Feira Medieval

Os organizadores da Festa da Tortilla Xigante de Carcacía, celebración que conta coa colaboración do Concello de Padrón, empregarán o vindeiro sábado un total de 8.000 ovos, 1.600 quilogramos de patacas, 325 litros de aceite e 10 quilogramos de sal para preparar unha tortilla xigante nun recipiente de máis de tres metros de diámetro. 

O programa de actividades arrancará ás 9.00 horas cos traballos previos da elaboración da tortilla e ás 9.30 coa apertura dunha Feira Medieval. Ás 11.00 horas está prevista a chegada da concentración de motos antigas "Terras de Padrón", ás 11.30 horas unha exhibición de bailes latinos e modernos e ás 12.00 horas, unha demostración de cetrería.

Xa ás 13.00 horas chegará o gran espectáculo da volta da tortilla, que se amenizará coa actuación da charanga O Santiaguiño de Padrón. Unha hora máis tarde, ás 14.00 horas, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, será o encargado de ler o pregón, xusto antes do reparto da tortilla ata esgotar existencias. 

Xa pola tarde, ás 17.00 horas actuará o mago Álex Louzao, ás 18.00 actuarán as agrupacións folclóricas Asociación San Pedro de Carcacía e O Pedrón de Padrón e a festa rematará ás 19.30 horas cunha verbena protagonizada polo grupo Alba. 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, agradece "o enorme traballo realizado polos integrantes da comisión para recuperar esta celebración que levaba dous anos sen celebrarse" e agarda que "co apoio do concello, sexa a primeira doutras moitas edicións ininterrompidas".

Comentarios