A Xerencia Hospitalaria de Compostela mantén operativas máis do 90% das camas hospitalarias este verán

A Xerencia Hospitalaria de Compostela mantén operativas máis do 90% das camas hospitalarias este verán

Unha porcentaxe semellante á do pasado ano, no que houbo unha ocupación de apenas o 80% durante o período estival

A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago informou onte á Xunta de persoal da planificación de actividade estival 2018. Trátase dunha medida de xestión habitual en todos os hospitais do Sistema Nacional de Saúde, que se realiza para asegurar as necesidades de cobertura asistencial de acordo coa previsión da demanda trala avaliación da actividade estival dos últimos anos.

Na área sanitaria pública compostelá manteranse operativas máis do 90% das camas dos hospitais de agudos do CHUS, sen contar as do hospital Psiquiátrico de Conxo, e o 100% das do hospital de Barbanza, cifra semellante á do verán 2017, e moi superior á de anos anteriores. No verán do 2017 o índice de ocupación foi de apenas o 80%.

O aumento de camas dispoñibles con respecto a anos anteriores é debido ao incremento da actividade cirúrxica programada para eses meses e pode levarse a cabo grazas á dispoñibilidade dos profesionais sanitarios da área trala planificación realizada xunto aos xefes de servizo.

O Hospital de Conxo manterá actividade cirúrxica, como o pasado ano, en especialidades como Traumatoloxía, Oftalmoloxía, Cirurxía Plástica e Reparadora e Dermatoloxía. O resto dos servizos cirúrxicos desenvolverán a súa actividade cirúrxica estival no bloque do Hospital Clínico.

Esta programación realízase tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública galega de garantir a seguridade e calidade asistencial dos pacientes, respectando a prioridade das súas patoloxías, sen retrasar procesos que non poidan esperar.

Os meses de verán constitúen a época do ano na que hai menor demanda asistencial xa que, se ben nalgunhas patoloxías mantense, é cando se rexistran menos ingresos hospitalarios por patoloxías estacionais e minimízanse as reagudizacións de enfermidades crónicas. Esta diminución permite, amais, que durante estes meses se poida concentrar, tal e como demandan os profesionais, a maior porcentaxe de vacacións dos traballadores no conxunto dos centros sanitarios.

Por outra banda, aprovéitase este período para levar a cabo obras como as que se van acometer no hospital de Conxo: como a reforma da instalación eléctrica e gases medicinais na UCI e en Reanimación, ademais de outros pequenos traballos de mantemento. Así mesmo, neste verán tamén se procederá a realizar labores de mantemento da climatización e novas acometidas centralizadas de CO2 en 7 dos quirófanos do Hospital Clínico.

A xerencia de Santiago insiste en que todos os recursos están dispoñibles e sempre que se necesitan están operativos, tal e como se ten demostrado todos os veráns, e lembra que a actividade de urxencias diminúe lixeiramente respecto á media anual ao tempo que mantén estable o cadro de persoal de todo o ano.

Comentarios