Declaración das Comisións Executivas do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia

Declaración das Comisións Executivas do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia

Desde o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia reafirman o insubstituíble papel da lingua galega para a nosa sociedade

O 17 de Maio celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura da profesora e escritora María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005). Desde o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia reafirman o insubstituíble papel da lingua galega para a nosa sociedade, non só vehículo de comunicación e expresión cultural, senón tamén como patrimonio irrenunciable de toda a cidadanía.

A propia homenaxeada do Día das Letras foi consciente diso e, malia ser natural de fóra de Galicia, adoptou o galego como lingua propia cando se trasladou ao noso país para traballar como profesora de literatura española. María Victoria Moreno incluso foi máis aló e, en plena ditadura, desafiaba o réxime ao ensinar literatura galega aproveitando parte das súas clases.

Este 17 de Maio, UGT e CCOO reivindican como propio o compromiso activo de persoas como María Victoria Moreno. "O idioma é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e o noso deber de cidadanía responsable é coidalo, difundilo, protexelo e mantelo acotío como unha lingua viva e activa para toda a sociedade e como vehículo transmisor e xerador tamén da nosa cultura". 

"Un ano máis, temos que lamentar o deixamento da Xunta de Galicia nas súas obrigas respecto da promoción do galego. O último informe da Real Academia Galega alerta da perda progresiva de falantes, especialmente entre a mocidade, o que significa a ruptura da transmisión xeracional do idioma. O Goberno galego leva desde o ano 2016 anunciando un plan para potenciar o uso do galego entre a poboación moza pero, mediado o 2018, nada se sabe aínda" comenta UGT e CCOO.

Comentarios
Lo más