Multitudinaria manifestación en Compostela no Día das Letras Galegas

Multitudinaria manifestación en Compostela no Día das Letras Galegas

A manifestación partiu ás 12:00 horas da Alameda de Compostela


Centos de persoas manifestáronse hoxe nas rúas de Compostela debido á mobilización convocada pola plataforma "Queremos Galego" para reivindicar o uso da lingua propa "no día a día".

O acto conducido pola comunicadora e presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza Nieves Rodríguez, contou coa participación de Marga Romero, Concha de la Fuente, Anxos Sobriño, Cesáreo Sánchez e Adela Figueroa que leron o manifesto deste ano no que se revindicou a necesidade de incrementar a presenza da lingua galega na administración para que se respecten os dereitos lingüísticos, na xustiza ou nos medios audiovisiuais e de comunicación para non reducir a programación na lingua propia nomeadamente na Radio Galega.

A manifestación arrancou as 12 horas na Alameda de Compostela e contou co respaldo de Luís Villares, o portavoz de En Marea; de Ana Pontón, voceiro nacional do BNG; e de Gonzalo Caballero; secretario xeral do PSdeG. 

Antes de dar comezo a manifestación o voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou a existencia de “teitos de cristal tamén para a nosa lingua. Imaxinádevos que pasaría se dixeramos que Feijóo aproba un decreto que lle prohibe ás mulleres estudar as matemáticas, a tecnoloxía, a física en galego. Pois ben existe este decreto existe pero para homes e mulleres e impide precisamente isto”. O voceiro de En Marea considerou esta circunstancia “unha discriminación absolutamente inaceptable. Unha discriminación que levanta barreiras e prexuízos contra a nosa lingua, e que nos impide, unha vez que non estudamos nin as matemáticas nin a física nin as tecnoloxía en galego, desenvolver ciencia en galego cando hoxe é o mundo da ciencia e das comunicacións” subliñou.

“Imaxinade que hoxe Mariano Rajoy prohibise ás mulleres facer a declaración da renda, iso si dicindo que os homes poden facelo por elas os homes. Pois ben a día de hoxe vemos que programa informático da declaración da renda establece a prohibición de facela en galego, ainda que cando reclamas dinche moi amablemente que se queres podes presentala en castelán” explicou Villares, quen animou "aos máis novos presenten os seus traballos de fin de curso de matemáticas, física ou química en galego, e aos que non son tan novos a que fagan a declaración da renda marcando a casiña de galego porque temos o dereito de desenvolvernos na nosa lingua libremente, con normalidade, sen que nos impoñan teitos de cristal”.

Pola súa parte, o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, recoñeceu o “sobreesforzo que realiza o profesorado para elaborar materiais en galego, o sobreesforzo de pais e nais que procuran solucións ante a marxinal oferta de galego nos debuxos ou nos xoguetes, o sobreesforzo das editoriais que manteñen o noso idioma a pesar das cativas axudas da Xunta, grazas ao compromiso de manterdes o galego vivo”.

Ana Pontón afirmou que a lingua galega é o que máis nos une e dá identidade como pobo, ao tempo que denunciou “o dano enorme” inflixido por Feixóo ao longo dunha década, “empeñado nunha estratexia para confrontar e crear división dende a mentira e o cinismo”, pese a que sabe que o acoso do PP deriva na perda falantes, especialmente dentro da mocidade.

Gonzalo Caballero quixo "valorar en nome dos socialistas galegos e conmemorar no Día das Letras Galegas todo o patrimonio de traballo histórico que hai no país e no recoñecemento e uso da nosa cultura. A nosa cultura é unha riqueza. Hai que terlle cariño a nosa lingua e ao noso galego. Os socialistas mostramos un compromiso claro co galego, con algo que fai unha Galicia máis próxima e trasladarlle ao conxunto da cidadanía a importancia de entender que este país é maís rico cando ten a liberdade lingüística e a posibilidade de valorar e recoñecer a nosa lingua e as nosas letras". 

Comentarios
Lo más