UGT convoca concentracións para este martes ante as sedes patronais polas melloras salariais e laborais

UGT convoca concentracións para este martes ante as sedes patronais polas melloras salariais e laborais
UGT convoca concentracións para este martes ante as sedes patronais polas melloras salariais e laborais

UGT- Galicia convoca mañá concentracións diante das sedes patronais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo para demandar que os convenios recuperen xa dereitos e repartan beneficios

"Ante a actitude da patronal na negociación do novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, mantendo posturas extremas que evidencian a súa falta de vontade para chegar a un acordo que traslade aos convenios colectivos a recuperación e o crecemento que xa están a ter as empresas, UGT convoca unha xornada de loita pola negociación colectiva mañá, día 22 de maio".

Deste xeito informa o sindicato das concentracións que terán lugar mañá, unha serie de mobilizacións que en Galicia se concretarán en catro concentracións ante as sedes das confederacións de empresarios de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Todas as mobilizacións serán ás 12.00 horas, exceptuando a de Ourense que está convocada para as 12.30 horas.

Para UGT, resulta "inadmisible a posición que manteñen as organizacións empresariais na negociación para a renovación do Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva AENC, non só en relación ao incremento salarial, a xornada laboral e o emprego, senón tamén sobre a propia esencia e funcións que debe cumprir o AENC. As organizacións empresariais non entenderon que xa non estamos nunha situación de profunda crise como a que vivimos de 2008 a 2013". 

Ademais, UGT considera que o gran esforzo feito durante estes anos polos traballadores e as traballadoras "debe reverterse agora, cando a economía crece con forza desde fai catro anos, créase emprego (aínda que de baixa calidade) e as empresas non só recuperáronse, senón que se atopan en mellor situación que antes".

Por iso, o sindicato propón na mesa de negociación un Acordo "que corrixa os desequilibrios xerados ao longo da crise en salarios, emprego, xornada, saúde laboral… Pola contra, CEOE e CEPYME só propoñen máis desregulación e máis desvalorización salarial, polo que UGT expón unha mobilización crecente e sostida nos centros de traballo para esixir un acordo que garanta a recuperación do poder adquisitivo dos salarios; permita a repartición xusta da riqueza que xeran as empresas entre os seus traballadores e traballadoras e recupere os dereitos arrebatados polas reformas laborais".

En canto ás cifras, UGT sinala que "non se pode esquecer que a remuneración dos asalariados é 10.000 millóns inferior á de 2008, como resultado da destrución de emprego e a desvalorización salarial, que as reformas laborais fixeron aínda máis profunda. De feito, o poder de compra do salario recortouse un 7,5% e ata 15% nos máis baixos. Cunha taxa de pobreza ou exclusión social que en Galicia xa acada os 25,4 puntos".

Así, engaden dende o sindicato, "a remuneración dos asalariados en Galicia perde peso con respecto ao total da renda xerada na comunidade, ao pasar do 46,9% no 2008 ao 42,5% no 2017. Pola contra, curiosamente, o empresariado nunha época de crise gañou máis, a súa renda pasa de representar o 45% no 2008 ao 47,7% no 2017. Pero non só hai desigualdade entre traballo e capital, senón que dentro dos asalariados prodúcese un incremento daqueles que perciben menores salarios. Non se pode esquecer que 312.093 persoas asalariadas galegas (o 30,8% do total) teñen un salario medio inferior ou igual ao SMI".

Por iso, UGT propón na mesa de negociación un Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva "acorde coa nova etapa de bonanza, que emende os desequilibrios que se xeraron ao longo da crise en todas as materias que aborda o acordo. En particular, no apartado salarial propoñemos que os salarios crezan ao ritmo da produtividade nominal de cada sector e empresa, cun solo do 3,1%, que resulta da suma da última revisión de inflación para 2018, máis 1,5 puntos adicionais para recuperar o poder adquisitivo e a participación da produtividade perdidas durante a crise. Ademais, ese incremento debe protexerse coa inclusión dunha cláusula de revisión que asegure o poder de compra pactado, algo que existiu en todos os AENC asinados ata o de agora, incluso nos da pasada etapa de crise. Tamén propoñemos que os salarios máis baixos crezan en maior medida, porque son os que máis se devaluaron durante a pasada crise, e porque no noso país non debería haber salarios inferiores a 1.000 euros ao mes".

En resumo, UGT procura "recuperar un modelo de determinación salarial razoable, con referencias coherentes dende un punto de vista económico, que se adapte a cada sector e empresa, e que permita que as traballadoras e os traballadores participen da actual etapa de bonanza. E queremos tamén pactar fórmulas para priorizar o uso do emprego estable nas empresas, racionalizar as xornadas de traballo, frear a sinistralidade laboral e loitar contra a desigualdade e a discriminación por xénero no posto de traballo. Todos eses deben ser obxectivos compartidos entre empresarios e sindicatos".

Comentarios
Lo más