Denuncian a insuficiente maquinaria para a recollida do lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza

Denuncian a insuficiente maquinaria para a recollida do lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza
Denuncian a insuficiente maquinaria para a recollida do lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza

Os traballadores denuncia a actitude do presidente da Mancomunidade que se nega a recibir á representación dos traballadores

O Comité da empresa que fai a recollida e tratamento do lixo (FCC) para a Mancomunidade Serra do Barbanza denuncia a situación laboral na que se atopan os seus empregados que sofren día a día a insuficiencia da maquinaria coa que traballan.

Lembran que, recentemente, o pasado día 3 de maio foron presentados en Noia tres novos camións recolectores de residuos sólidos urbanos achegados pola Deputación da Coruña. Ao respecto, os traballadores, aínda que agradecen o esforzo da Deputación, consideran insuficiente estes tres novos camións para facer o traballo diario. Dende o Comité cífrase en cinco o número de camións que serían necesarios achegar ao servizo para cumprir satisfactoriamente o mesmo e dar resposta ás necesidades dos nove municipios aos que se lles recolle e trata a diario o lixo, dando cobertura así a preto de 80.000 habitantes.

Ademais de considerar insuficiente a cantidade de camións achegada, ao Comité pareceulle precipitada esta presentación cando a día hoxe aínda non están operativos.

Para trasladar estas demandas e, ademais, aclarar o futuro da Mancomunidade do Barbanza, cuestión esta última que lle preocupa moito aos traballadores, o Comité de Empresa xa pediu hai casi un mes unha xuntanza co presidente da Mancomunidade, o alcalde de Noia, ante o cal aínda non obtiveron resposta, actitude que o Comité censura e insta a que se lle poña data e lugar xa.

Neste contexto, os traballadores tamén denuncian a actitude da Xunta de Galicia que en ningún momento amosou unha actitude colaborativa nin amosou preocupación algunha polo futuro da Mancomunidade e os seus traballadores.

Comentarios