O Peleteiro de Fran Varela segue de celebración

O Peleteiro de Fran Varela segue de celebración
O Peleteiro de Fran Varela segue de celebración

O conxunto colexial acadou o ascenso á Primeira Nacional a pasada fin de semana tras derrotar ao Porriño

Vitoria, subcampionato e ascenso. O Baloncesto Peleteiro alcanzou a gloria o pasado fin de semana ao rubricar de forma matemática o seu ascenso á Primeira División Nacional tras superar a Porriño nunha cita clave. O conxunto que dirige Fran Varela completou unha magnífica tempada e agora toca celebrar este ascenso de categoría.

Malia todo, a cita diante do Porriño non foi doada nin moitísimo menos. Tras dous primeiros cuartos nefastos en canto ao acerto de cara ao aro, nos dous seguintes o equipo conseguía anotar con certa fluidez, sobre todo da man de Fer e Soriano. O Peleteiro rachaba o partido definitivamente mediado o último cuarto e acadou a ansiada vitoria que deixa un gran sabor de boca tras unha tempada dura e atípica.

"Desde a pretempada a cousa empezou a poñerse difícil porque non chegaban as fichaxes coas que se contaba e saiamos con tan só 9 fichas. Nunha primeira fase estivemos preto de quedarnos fóra da fase polo título, xa que cada lesión ou contratempo nos deixaba moi limitados para competir pero conseguiamos a clasificación a base de moito traballo e esforzo", apunta o coach local, Fran Varela.

"En decembro fíxose a vinculación co equipo xúnior do Obradoiro-Peleteiro co fin de competir en mellores condicións e que os rapaces tamén se fogueasen. Aínda que a vinculación non foi como quixéramos e plantexáramos nun principio (moi poucos adestramentos), si resultou positiva de cara aos partidos, porque completabamos as convocatorias con xogadores de calidade que subían o nivel do equipo", engade.

"Con todo isto o que acadou este grupo, nesta tempada, é tremendo e fóra do que serían os estándares habituais de teorías de adestramentos e demais, xa que, sobre todo, primou o compromiso, o carácter competitivo e a paixón por este deporte", subliña o adestrador.

Por último, o equipo quere agradecer públicamente ao Colexio Peleteiro e a ADM. "A Peleteiro polo seu apoio, a todos os xogadores xúnior (e aos seus adestradores) que puxeron o seu gran de area nalgún momento da tempada, a Roni e Fran Castro que nos axudaron ao longo da tempada no día a día dos adestramentos (e algúns máis que nos axudaron puntualmente), ás familias que sempre están aí apoiando e animándonos, ao coach Pinaque, a Rubén Gerpe e a Agustín pola súa inestimable axuda e, sobre todo, aos xogadores, xa que sen eles non sería posible este subcampionato e ascenso". O Peleteiro está de festa.

Comentarios
Lo más