Demandan do SERGAS a convocatoria da mesa sectorial para recuperar os dereitos suspendidos

Demandan do SERGAS a convocatoria da mesa sectorial para recuperar os dereitos suspendidos
Demandan do SERGAS a convocatoria da mesa sectorial para recuperar os dereitos suspendidos

No decurso da mobilización fixeron entrega dun escrito, no rexistro da consellería, dirixido tanto ao conselleiro como á directora de Recursos Humanos para facerlle chegar, novamente, esta demanda que até o de agora non foi atendida

Delegados e delegadas de CIG-Saúde concentráronse esta mañá diante do edificio do SERGAS, en San Lázaro, para demandar a inmediata convocatoria da mesa sectorial e o inicio dun proceso de negociación que permita ao persoal da sanidade pública galega recuperar os dereitos laborais e o poder adquisitivo perdido. 

No decurso da mobilización fixeron entrega dun escrito, no rexistro da consellería, dirixido tanto ao conselleiro como á directora de Recursos Humanos para facerlle chegar, novamente, esta demanda que até o de agora non foi atendida. 

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que dende o pasado mes de abril non tiveron tampouco ningunha xuntanza da comisión técnica de carreira profesional e demandou que "de inmediato se convoque esta comisión para debater as alegacións presentadas e coñecer cales foron aceptadas polo SERGAS". 

Abuín considerou que non sería procedente que o Servizo Galego de Saúde "dese unilateralmente por pechada a negociación da carreira, presentando nunha próxima reunión da mesa sectorial o texto definitivo da carreira profesional cun ultimato ás organizacións sindicais para que asinen o acordo ou non". 

Asegurou que desde a CIG-Saúde non se entendería unha negociación de costas ás traballadoras e traballadores sen a súa participación e afirmou que "calquera documento de negociación que afecte ás condicións laborais e retributivas do persoal do SERGAS ten que ser coñecido por todos/as antes da súa aprobación". 

Por iso, a CIG-Saúde sinala, no escrito entregado esta mañá no rexistro, que "agardamos recibir coa maior brevidade, a convocatoria de reunión da mesa sectorial" para a negociación do calendario de recuperación dos acordos suspendidos en 2010. 

Solicita ademais que antes desa xuntanza, se convoque a comisión técnica da carreira profesional, cun documento previo sobre o que debater na mesa sectorial, no que se recolla, cando menos, o valor retributivo do grao. 

Comentarios