A directora xeral de Comercio visita a praza de Abastos de Noia

A directora xeral de Comercio visita a praza de Abastos de Noia
A directora xeral de Comercio visita a praza de Abastos de Noia

O alcalde de Noia aproveitou para amosarlle “in situ” as melloras que se están plantexando no proxecto de remodelación da praza de abastos

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a praza de abastos de Noia coincidindo coa celebración do Día do Mercado, coa que culmina a campaña Quere o teu mercado, na que participaron 86 prazas de abastos e 3.000 praceiros e praceiras de toda Galicia. Na súa visita, Vázquez Abeal destacou a importancia económica e social dos mercados galegos, pezas clave do comercio de proximidade.

Unha visita na que a directora xeral estivo acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire; polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e pola concelleira de medio ambiente, Ángela Neri. Freire Abeijón agradeceu o compromiso con Noia da directora xeral de Comercio e Consumo pois “son moitas as visitas que ten realizado, recollendo as suxerencias dos nosos praceiros e praceiras. A iniciativa dos mandís de plástico para que poidan traballar en mellores condicións foi recollida o ano pasado nunha visita e xa a están a desfrutar nestes momentos”.

Así mesmo, o alcalde de Noia explicou que “como se está traballando nun convenio que vai supoñer unha remodelación importante da Praza de Abastos, quixemos facer unha visita in situ coa directora xeral aproveitando a campaña Quere o teu mercado para ver sobre o terreo as melloras que se están plantexando no estudo e no proxecto que se está elaborando”.

Pola súa banda, Sol Vázquez Abeal explicou que “a Praza de Noia atopamos un gran ambiente, uns grandes profesionais detrás deste peixe, destas carnes e que demostran que merece a pena vir aquí e investir en Noia. Nos mercados e nas prazas de abastos é onde está o mellor produto, a mellor calidade e a mellor atención”.

Comentarios