Os nanomedicamentos a debate nos Luns do Ateneo

Os nanomedicamentos a debate nos Luns do Ateneo
Os nanomedicamentos a debate nos Luns do Ateneo

Baixo o título “Sobre como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas”, a conferencia comezará ás 20.00 horas, permitindo a entrada libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible

O tratamento do cancro, da esclerose múltiple ou do glaucoma severo son, entre outros, os problemas que se abordan co uso da nanotecnoloxía, unha ferramenta que permite resolver as limitacións inherentes aos fármacos, facilitar a súa administración, mellorar o seu transporte a través do organismo e favorecer a súa acumulación nas células diana. Todo isto tradúcese nun tratamento máis cómodo e eficaz e menos tóxico.

Este será o tema tratado esta tarde na Rúa do Vilar, 19, pola Catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso nun novo acto dos Luns do Ateneo. Baixo o título “Sobre como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas”, a conferencia comezará ás 20.00 horas, permitindo a entrada libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible, e rematará cunha quenda de preguntas por parte do público asistente.

María José Alonso é Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela e ten traballado en universidades prestixiosas de Francia e Estados Unidos. O seu laboratorio foi pioneiro en España no ámbito da Nanotecnoloxía Farmacéutica e a Nanomedicina e coordinou varios consorcios de investigación de ámbito internacional financiados por WHO, a Fundación Gates, o Instituto de Saúde americano e a Comisión Europea. Foi Vicerreitora de Investigación e Innovación da USC e formou parte do Comité Asesor do Ministerio de Sanidad e do Comité Asesor do Ministerio de Ciencia e Innovación para a elaboración da Lei da Ciencia. Na actualidade, é Presidenta da Controlled Release Society, a sociedade máis prestixiosa a nivel mundial no seu ámbito de traballo, e foi nomeada membro do College of Fellows do Instituto americano de enxeñería médica e biolóxica e da Academia de Medicina de Estados Unidos.

Comentarios
Lo más