Ruben Lois, profesor da USC, novo vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional

Ruben Lois, profesor da USC, novo vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional
Ruben Lois, profesor da USC, novo vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional

A candidatura a vicepresidente do profesor Lois tivo un gran apoio dos comités de España, Portuga, Francia, Alemaña, Rusia, varios países de Centroeuropa e Latinoamérica

O catedrático da USC Rubén Camilo Lois González, director do Departamento de Xeografía e coordinador do Grupo de Investigación en Análise Territorial ANTE, acaba de ser elixido vicepresidente da International Geographical Union (IGU). Este cargo súmase ao seu traballo como vocal número do Comité Directivo da Asociación de Geógrafos Españoles (AGE) e membro do Comité Español da IGU.

A IGU é unha organización non gubernamental profesional presidida polo profesor emérito Yukio Himiyama e dedicada ao desenvolvemento da xeografía en todos os países do mundo a través da iniciación e coordinación da investigación e a ensinanza neste ámbito. É o organismo recoñecido pola ONU e a UNESCO para desenvolver o coñecemento xeográfico e cartográfico e colabroa activamente cos obxectivos do Milenio e os programas Hábitat.

A candidatura a vicepresidente do profesor Lois tivo un gran apoio dos comités de España, Portuga, Francia, Alemaña, Rusia, varios países de Centroeuropa e Latinoamérica. O único español que ocupara o cargo de vicepresidente da IGU fora o catedrático da Universidade de Barcelona Joan Vilà Valentí, quen exerceu no período 1980-1988.

Para Rubén Lois, o novo cargo representa unha "magnífica" oportunidade para "actuar como unha ponte entre as comunidades de xeógrafos de Europa e América Latina, favorecer unha maior participación na IGU dos países e universidades de lingua española e portuguesa e abrir a posibilidade de que a Península Ibérica poida albergar futuros eventos da IGU".

Na súa candidatura, o profesor da USC sinalaba a importancia de ter unha institución internacional para xeógrafos que proporcione a esta ciencia a visibilidade "que merece a escala global". Así, márcase tres principios moi concretos que defenderá durante o seu mandato e que son a diversidade como base fundamental para o traballo xeográfico, o fortalecemento da iniciativa IGU e UNESCO do Ano Internacional do Entendemento Global (IYGU) e a interdisciplinariedade da xeografía, que debe confluír con outras ciencias.

Comentarios
Lo más