O venres 1 de xuño ábrese o prazo de solicitude dos permisos para as cacharelas de San Xoán

O venres 1 de xuño ábrese o prazo de solicitude dos permisos para as cacharelas de San Xoán
O venres 1 de xuño ábrese o prazo de solicitude dos permisos para as cacharelas de San Xoán

Xan Duro lembrou que "as normas de seguridade aféctanlle a todas as cacharelas que se celebren en espazos públicos ou privados ao longo do mes de xuño, sexa a noite de San Xoán ou calquera outro día"

O prazo para solicitar os permisos para a celebración das cacharelas e/ou sardiñadas de San Xoán estará aberto do 1 ao 15 de xuño. A documentación debe presentarse no Rexistro Xeral do Concello, se ben os particulares poderán facer a súa solicitude a través da páxina web municipal. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe dos prazos e máis das normas de seguridade, aprobadas na Xunta de Goberno do pasado venres.

Xan Duro lembrou que "as normas de seguridade aféctanlle a todas as cacharelas que se celebren en espazos públicos ou privados ao longo do mes de xuño, sexa a noite de San Xoán ou calquera outro día". As que teñan lugar na vía pública están suxeitas á correspondente autorización, mentres que as que se desenvolvan en terreos de propiedade privada deberán presentar comunicación previa da actividade. O prazo para solicitar os permisos para as cacharelas e/ou sardiñadas estará aberto dende o día 1 de xuño ata o día 15. O modelo de solicitude está a dispor da cidadanía na Oficina de Atención ao Cidadán, na rúa Salvador Allende, ou na web municipal.

As cacharelas de particulares, asociacións e colectivos solicítanse no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os particulares tamén poderán facer a súa solicitude a través da páxina web do Concello. Para obter a autorización é preciso cubrir todos os datos persoais que figuran na solicitude, xunto co teléfono de contacto e unha fotocopia do DNI da persoa responsable, así como dun plano cando se trate de cacharelas en espazos públicos.

Na vía pública só se poderán celebrar as cacharelas ou sardiñadas solicitadas por colectivos ou asociacións. Cando haxa máis dunha solicitude para o mesmo espazo público, atenderanse por número de entrada no Rexistro. As solicitudes dos particulares feitas a través da páxina web contestaranse a través do correo electrónico facilitado. As autorizadas na vía pública publicaranse na páxina web do Concello.

Normas de seguridade

As cacharelas estarán prohibidas na praza do Obradoiro, Quintana, Toural, Praterías, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, San Miguel, Irmán Gómez e San Agustín.

Todas as cacharelas celebradas nos espazos públicos serán inspeccionadas previamente tanto pola Policía Local como polos Bombeiros, para asegurar que cumpran os requisitos esixidos en canto a volume, separación entre árbores e edificios e pavimento.

Na zona urbana, o volume do combustible da cacharela non superará os 2 metros de diámetro e os 6 de perímetro, nin o metro de altura. Na zona rural, non se sobrepasarán os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro. Cando as cacharelas se fagan sobre terreos de uso público lousados, protexerase o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano. Como é habitual, estará prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, calquera substancia que desprenda fume tóxico. Ao rematar a cacharela, os organizadores aseguraranse de que non quedan cinzas acendidas, e terán a obriga de limpar o espazo utilizado para a actividade.

O ano pasado, o Concello autorizou a celebración de 60 cacharelas públicas e máis de máis de 280 privadas.

Comentarios
Lo más