O Museo do Pobo Galego acolle a exposición "Tecedoras do cambio" sobre a historia de 23 lideresas comunitarias

O Museo do Pobo Galego acolle a exposición "Tecedoras do cambio" sobre a historia de 23 lideresas comunitarias
O Museo do Pobo Galego acolle a exposición "Tecedoras do cambio" sobre a historia de 23 lideresas comunitarias

Esta exposición está composta por 23 fotografías de mulleres de 14 países imprescindibles para o desenvolvemento das súas comunidades. Labregas, pescadoras, defensoras de dereitos, promotoras de saúde, activistas, mariscadoras... Mulleres que, xunto a organizacións dos seus países, están a traballar, man a man, con ONGD galegas en procesos de desenvolvemento e de mellora das condicións materiais e emocionais das súas comunidades

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concepción Losada, e a vicepresidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, asistiron onte á inauguración da exposición Tecedoras do cambio. Historias de lideresas comunitarias que loitan por unha vida digna en América Latina, África e Asia.

Esta exposición está composta por 23 fotografías de mulleres de 14 países imprescindibles para o desenvolvemento das súas comunidades. Labregas, pescadoras, defensoras de dereitos, promotoras de saúde, activistas, mariscadoras... Mulleres que, xunto a organizacións dos seus países, están a traballar, man a man, con ONGD galegas en procesos de desenvolvemento e de mellora das condicións materiais e emocionais das súas comunidades.

Tal e como destacou Martiño Noriega, "a exposición visibiliza, dá voz e pon en valor as historias de vida e loita destas 23 lideresas": a de Vanada, unha muller "intocable" segundo o sistema de castas hindú que hoxe participa en procesos de empoderamento doutras mulleres; a de Doña Luci, quen con 15 anos tivo que desprazarse cara a costa como consecuencia do conflito armado dos anos oitenta en El Salvador e que, 30 anos despois, formou unha cooperativa de mulleres mariscadoras; a de Haydée Castillo, unha histórica activista e defensora dos Dereitos Humanos en Nicaragua que na década dos setenta se sumou á loita contra a ditadura dos Somoza e participou activamente na Revolución Popular Sandinista e que hoxe está ameazada polo goberno de Ortega pola súa incansable loita polos dereitos das mulleres campesiñas; ou a de Aixa, unha muller que non coñece outra terra que o campo de persoas refuxiadas saharauís de Tindouf.

"Esta exposición fotográfica é unha homenaxe a todas as mulleres que loitan, e loitaron a diario, polo dereito básico a ter unha vida digna", explicou María Paz, vicepresidenta da Coordinadora Galega de ONGD. "Todas elas son tecedoras do cambio, mulleres referentes na construción doutro mundo posible, coas que traballamos as ONGD galegas xunto a organizacións locais de cada país", apuntou.

A mostra está formada por 23 imaxes e un libro no que se narran as historias de vida e loita de cada unha delas. Estará aberta ao público ata o 24 de xullo, en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas, de martes a sábado. E os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é de balde.

Compostela + Solidaria

A exposición enmárcase dentro das actividades da terceira edición do Compostela + Solidaria, que ofrece máis de 20 accións enfocadas a sensibilizar sobre a necesidade de comprometernos, no noso día a día, coa defensa dun mundo libre de discriminacións, inxustizas e violencias.

Un dos obxectivos do programa deste ano é vincular as loitas locais coas globais e poñer en común as demandas dos colectivos e organizacións galegas coas das ONG de Desenvolvemento que traballan noutros países. Para iso, as actividades programadas xirarán arredor do comercio xusto; a defensa dos dereitos humanos das mulleres e a infancia; o coidado do medio ambiente; o dereito de acceso á saúde; a loita contra a xenofobia, a homofobia e a violencia de xénero; o respecto á diversidade, etc. E contarán coa colaboración de colectivos como a radio comunitaria Cuac FM, o Secretariado Xitano, a batukada feminista Tamborililás e a cooperativa Cousas da Terra.  

Comentarios