O venres remata no Paraninfo o ciclo sobre as grandes compositoras dos séculos XIX e XX

O venres remata no Paraninfo o ciclo sobre as grandes compositoras dos séculos XIX e XX
O venres remata no Paraninfo o ciclo sobre as grandes compositoras dos séculos XIX e XX

O concerto correrá a acrgo de Airas Ensemble

O ciclo coas obras das grandes compositoras dos séculos XIX e XX que se desenvolve dende abril no Paraninfo da Universidade chega ao seu fin o venres 1 de xuño. Farao da man de Airas Ensemble, que interpretará ás 20.30 horas obras das compositoras Madeleine Dring, Grazyna Bacewicz, Clara Schumann e Louise Farrenc.

Madeleine Dring (1923-1977) foi unha compositora, cantante, actriz e artista británica de gran talento. Formada no Royal College of Music, compuxo cancións, que tamén cantou, así como obras de piano e música de cámara nun estilo lírico accesible.

Pola súa banda, a violinista Grazyna Bacewicz (1909-1969) chegou a ser considerada como unha das compositoras máis dotadas de Polonia a mediados do XX. Bacewicz era excepcionalmente talentosa en todos os estándares. A diferenza dos violinistas e compositores que preferían ocultar as súas propias obras con nomes falsos, ela aproveitou a súa condición de artista itinerante para interpretar e presentar a súa propia música.

Clara Wieck Schumann (1819-1896) foi unha pianista e compositora alemá destacada do século XIX. Aos 11 anos presentou o seu primeiro recital de piano completo e aos 12 xa viaxaba con enorme éxito por toda Europa como compositora, un prestixio que mesmo se incrementaría cando comezou a compoñer. En total, é autora de 66 pezas musicais: para piano, cancións para voz e piano, música de cámara e para orquestra. Casou con Robert Schumann, un dos máis importantes compositores do Romanticismo alemán, a quen coñeceu cando este ía a casa dos Wieck para estudiar co pai de Clara e sobre o que exerceu moita influencia, ademais de participar en parte da súa obra (das 12 cancións do Op. 37 de Robert Schumann, tres están compostas por Clara).

Por último, a francesa Louise Farrenc (1804–1875) naceu nunha familia artística de pintores e escultores, vivindo nunha "comuna" cerca da Sorbona no seu París natal. No Conservatorio desa cidade estudou composición e piano, e alí coñeceu o que sería o seu marido, o frautista Aristide Farrenc. As primeiras composicións de Louise Farrenc foron no estilo de Salón cultivado, pero os seus traballos posteriores son de natureza máis ambiciosa. Compuxo música de cámara a grande escala e mesmo sinfonías.

AIRAS ensemble

Airas Ensemble está formado por Julia Estévez, frauta; Roberto Baltar, oboe; Beatriz López, clarinete; Alfredo Varela, trompa; e Santiago López, fagot. Cunha destacable traxectoria, e integrado por músicos da Orquestra Sinfónica de Bilbao, European Chamber Players, NDR Radiophilharmonie de Hanno­ver, Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Vigo 430, desenvolve a súa actividade camerística desde 2011 actuando nos principais ciclos de cámara de Galicia e festivais nacionais e internacionais.

En 2016 publi­caron o seu primeiro disco compacto co selo Columna Música, que contén obras de F. Poulenc, A. Jolivet, D. Mil­haud e a primeira gravación mundial do cuarteto para ventos de J. Bal y Gay. Ao respecto des­te disco, Marçal Borotau escribía en Sonograma: “Xa nos primeiros com­pases, resulta evidente a riqueza lírica dos compoñentes desta agrupación de vento que, vale a pena dicilo, profesan unha fidelidade exemplar á música francesa do século XX”. 

Comentarios
Lo más