O poeta irlandés Keith Payne impartirá un obradoiro creativo en Rianxo

O poeta irlandés Keith Payne impartirá un obradoiro creativo en Rianxo
O poeta irlandés Keith Payne impartirá un obradoiro creativo en Rianxo

Keith Payne ofrece un obradoiro de escrita creativa,"Song of Myself / Canto de min mesmo", entre a tarde do venres 8 e o domingo 10 de xuño, na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo (Praza Rafael Dieste, 1) e na casa de Axóuxere Editora (Brión 64, Leiro)

O poeta irlandés Keith Payne é o segundo residente da convocatoria de primavera do Programa de Residencias de escritoras/es e pensadoras/es que Axóuxere Editora desenvolve conxuntamente co Concello de Rianxo. O escritor estará no espazo da Residencia que Axóuxere Editora ten na aldea de Brión entre os meses de maio e xuño deste ano 2018.

Keith Payne ofrece un obradoiro de escrita creativa,"Song of Myself / Canto de min mesmo", entre a tarde do venres 8 e o domingo 10 de xuño, na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo (Praza Rafael Dieste, 1) e na casa de Axóuxere Editora (Brión 64, Leiro). O escritor, nado en Dublín, ten publicado libros de poesía como autor e tamén como traductor, levando ao espazo anglófono poetas galegos, cataláns e españois. Gran impulsor da oralidade no feito poético, inspirado pola antiga liñaxe irlandesa dos seanchaí (cantores errantes que percorrían o país a pé), é tamén organizador de recitais e festivais de poesía diversos. No obradoiro, levaranos a investigar arredor da nosa propia voz poética, desde a singularidade da tradición, lingua e maneira de vivir de cadaquén.

Así mesmo, ofrecerá a conversa literaria "Ímola alboreando", o venres 8 de xuño ás 20 horas na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo (Praza Rafael Dieste, 1). Na ligazón de embaixo podedes atopar máis información sobre o obradoiro e a conferencia.

A participación no obradoiro é de balde pero faise preciso inscribirse previamente. Para inscribirse hai que enviar un correo-e ao enderezo info@axouxerestream.com co asunto "Inscrición ao obradoiro de Keith Payne" ou ben chamar aos teléfonos 981 860 371 / 634 532 896 / 659 843 761 (Axóuxere Editora), sendo a data límite o xoves 7 de xuño. Para calquera dúbida ou información concreta pódese chamar a calquera dos anteriores números ou ben escribir ao enderezo electrónico referido. Para asistir á conferencia non fai falla realizar unha inscrición previa.

Comentarios
Lo más