O Goberno Local continúa renovando a flota de buses urbanos

O Goberno Local continúa renovando a flota de buses urbanos
O Goberno Local continúa renovando a flota de buses urbanos

María Rozas asumeas funcións de alcaldía en funcións ante a baixa de paternidade de Martiño Noriega

A Xunta de Goberno acordou onte a substitución de tres vehículos adscritos á rede de transporte colectivo urbano de viaxeiros. Con este, xa son 19 os autobuses substituídos no último ano, nunha flota de 50.

A alcaldesa en funcións, María Rozas, encargouse de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, ante o permiso por paternidade ao que se acolleu o alcalde, Martiño Noriega. Segundo explicou, "o Goberno é consciente do mal estado no que se atopan algúns vehículos que cobren o servizo de transporte urbano", e explicou que da súa substitución "encárgase a empresa adxudicataria, baixo o actual contrato". Dende comezos de 2017, a Xunta de Goberno autorizou a substitución de 19 autobuses.

Relacionado coa rede de transporte urbano, a Xunta de Goberno tamén acordou hoxe recoñecer a obriga de pago de algo máis de 150.000 euros á empresa concesionaria, en virtude dunha sentenza do xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago. María Rozas explicou que o fallo "é similar aos que ven recibindo o Goberno desde comezo de mandato, baseados nun erro do Concello á hora de introducir os custos do combustible na liquidación coa empresa". Neste caso, a sentenza refírese á liquidación aprobada no ano 2014.

ACCESO Á INTERMODAL

Tamén se acordou modificar o prego de cláusulas administrativas no proceso de licitación do servizo de redacción do proxecto de remodelación da rúa Clara Campoamor, futuro acceso á estación intermodal.

A alcaldesa en funcións explicou que a modificación está relacionada cunha consulta presentada pola Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, AGEINCO, sobre os criterios de valoración das propostas. O prego aprobado inicialmente asignaba 55 puntos sobre 100 a criterios económicos, pero "a nova Lei de Contratos entende que nos contratos que teñan por obxecto prestacións de carácter intelectual os criterios relacionados coa calidade deberán representar polo menos o 51% da puntuación na valoración de ofertas".

A modificación dos pregos será publicada no Boletín Oficial da Provincia e, a partir de aí, ábrese un prazo dun mes para a presentación de ofertas. María Rozas mostrouse convencida de que "os accesos para a futura estación de autobuses estarán rematados a tempo, porque a construción do edificio aínda non está adxudicada e é unha obra máis complexa que precisará un prazo de execución máis amplo que a remodelación de Clara Campoamor".

OUTROS ASUNTOS

O Goberno tamén acordou executar, de forma subsidiaria, a roza e tala dunha parte dunha parcela privada na rúa Antonio Machado, ante o grave risco de incendio que supón o seu estado. A alcaldesa en funcións apuntou que "o Concello actuará e remitiralle despois os custos ao propietario, ante o perigo que supón que a finca continúe en estado de abandono".

Na reunión tamén recibiron luz verde varios convenios de colaboración. Así, aprobouse o acordo coa Asociación Circonove para o desenvolvemento dun programa de actividades circenses na zona histórica nos meses de verán, e máis o convenio con Hostalería Compostela para poñer en marcha unha campaña de promoción do consumo da auga da billa. Ademais, deuse conta da sinatura entre o Concello e a Fundación Refuxio de Animais de Bando, que supón unha achega municipal de 200.000 euros. 

Comentarios