Os gardacostas requisan máis de 470 quilos nos controis dos últimos días

Os gardacostas requisan máis de 470 quilos nos controis dos últimos días
Os gardacostas requisan máis de 470 quilos nos controis dos últimos días

Os axentes da Xunta tamén incautaron 1.250 metros de artes de enmalle

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 470 quilos de peixe e marisco, 154 útiles de pesca e 1.250 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días polo litoral de Galicia.

A ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis comisos. Alí os axentes requisaron máis de 210 quilos de peixe e marisco, 26 útiles e 900 metros de artes de enmalle. Un dos controis máis destacados foi no porto de San Xulián, na Illa de Arousa, e saldouse co comiso de 52 quilos de centola, máis de 14 quilos de nécora, máis de catro quilos de ameixa babosa e dous quilos de berberecho. A maioría desta mercadoría estaba en 10 viveiros que tamén incautaron os axentes, debido a que estaban sen identificar.

Ademais, na ría de Pontevedra, os axentes comisaron preto de 100 quilos de marisco e oito útiles. A maioría do marisco foi requisado nun control realizado en Sanxenxo, no que os axentes se aprehenderon de máis de 90 quilos de centola, máis de seis quilos de nécora e preto de tres quilos de lumbrigante. Neste control tamén incautaron cinco nasas e 300 metros de trasmallos debido a que todo estaba sen identificar. A maiores, en diferentes inspeccións na ría de Vigo comisaron máis de seis quilos de peixe e marisco e 150 metros de artes de enmalle.

A Costa da Morte tamén foi escenario de distintos controis que se saldaron co comiso de máis de 76 quilos de peixe e marisco e coa incautación de 71 aparellos e 200 metros de artes de enmalle. Unha das actuacións máis destacadas foi na ría de Corme e Laxe, onde os gardacostas requisaron 20 quilos de patexo, 10 quilos de polbo, 44 nasas e dous cacharros, debido a que estaba todo sen identificar.

Por outra banda, na ría da Coruña, os axentes comisaron máis de 26 quilos de peixe e marisco e incautaron 21 útiles. A maioría do produto comisado foi nun control na zona de Baixos dos Delgados no que os axentes comisaron 16 quilos de robaliza e incautaron seis palangrillos por estar sen identificar.

Na ría de Ares e Betanzos, as actuacións realizadas polos gardacostas saldáronse co comiso de 42 quilos de marisco e coa incautación de 11 útiles. A maioría do marisco comisouse nun control do porto de Ares que se saldou co comiso de 35 quilos de centola e dous quilos de nécora e coa incautación de cinco viveiros, tres salabardos e dúas nasas, debido a que todo estaba sen identificar. A maiores, na ría Ferrol, os axentes requisaron máis de 13 quilos de peixe e marisco e catro útiles en distintas actuacións e na de Cedeira preto dun quilo de peixe e marisco e 13 nasas.

Comentarios