"Faite Cortalumes" volve cunha nova edición para concienciar dos incendios forestais
Este ano participan de forma desinteresada na difusión destas mensaxes o xornalista Rodrigo Vázquez, actores como Rubén Riós e Lucía Regueiro, o físico Jorge Miras, a escritora Ledicia Costas e os humoristas gráficos Pinto e Chinto, entre outros
Por segundo ano consecutivo, a Consellería do Medio Rural difunda a campaña Faite cortalumes para concienciar á sociedade en xeral e á galega en particular dos danos que comportan os incendios forestais, co fin de implicar a toda a poboación na loita contra esta lacra. Baixo os lemas “son cortalumes” e “faite cortalumes”, esta iniciativa divulgarase nos medios de comunicación a vindeira semana, estando presente tamén nas redes sociais.
O obxectivo desta campaña de comunicación é levantar de carácter simbólico un “cortalumes humano” grazas á participación da sociedade. Neste senso, no primeiro ano de funcionamento da páxina web, numerosos cidadáns interesáronse por esta aplicación e 650 fixéronse cortalumes a través da descarga do diploma acreditativo. Porque facerse cortalumes significa actuar coa máxima precaución no monte, adoptar prácticas respectuosas coa natureza, avisar a través do teléfono 085 dos incendios dos que se teña coñecemento e, sobre todo, denunciar os incendiarios.
Como novidade, este ano súmanse á campaña novos persoeiros públicos que prestan a súa imaxe para reforzar as mensaxes de loita e prevención. Así, pasan a ser novos cortalumes o xornalista Rodrigo Vázquez, o físico Jorge Mira, os actores Rubén Riós e Lucía Regueiro, a escritora Ledicia Costas, o cociñeiro Juan Crujeiras, a músico Rosa Cedrón e os humoristas gráficos Pinto e Chinto. Unha participación desinteresada que a Xunta de Galicia agradece, tanto aos que se suman este ano como os que xa participaron na campaña anterior.