O PPdeG critica que os socialistas traian ao Parlamento unha lei sobre bolsas de plástico menos ambiciosa que a lexislación vixente

O PPdeG critica que os socialistas traian ao Parlamento unha lei sobre bolsas de plástico menos ambiciosa que a lexislación vixente
O PPdeG critica que os socialistas traian ao Parlamento unha lei sobre bolsas de plástico menos ambiciosa que a lexislación vixente

O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que a Xunta ten previsto remitir ao Parlamento no vindeiro período de sesións unha nova Lei de residuos e solos contaminados

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, criticou hoxe que os socialistas “traian ao Parlamento unha proposición de lei sobre as bolsas de plástico dun só uso menos ambiciosa ambientalmente que o vixente Real Decreto sobre redución do consumo de bolsas de plástico”. “A lei que os socialistas propoñen se limita a establecer un imposto con mero ánimo recadatorio, prexudicando directamente ao consumidor e ao pequeno comercio”, indicou.

Gonzalo Trenor lembrou que o Real Decreto 293/2018 sobre redución do consumo de bolsas de plástico xa prohibe que a partir do vindeiro 1 de xullo a súa entrega gratuíta aos consumidores, así como a prohibición a partir do 1 de xaneiro de 2020 da entrega de bolsas de plástico fragmentables e a partir de 1 de xaneiro de 2021 da prohibición da entrega de bolsas de plástico lixeiras e moi lixeiras, agás as de plástico compostable.

“Non parece moi acertado establecer un imposto sobre a utilización das bolsas de plástico cando o feito impoñible ten data de caducidade”, sinalou o portavoz popular. Ademais, indicou que a proposta socialista “consagraría indefinidamente a utilización das bolsas non biodegradables ao establecer un tipo impositivo para o ano 2020 e posteriores, esquecendo que a entrega de bolsas de plástico non compostables xa estará prohibida por unha norma estatal de carácter básico desde o 1 de xaneiro de 2021”.

Así mesmo, Trenor explicou que a proposición socialista “é unha copia practicamente literal dun artigo dunha lei existente en Andalucía desde o ano 2010”, unha norma que “nunca funcionou ben, xa que non chegan ao 10 por cento dos 35 millóns ao ano que pensaban recadar”.

Cambio integral

O portavoz popular lembrou o anuncio feito no pasado Pleno pola conselleira do Medio Ambiente de traer no vindeiro período de sesións ao Parlamento dunha nova Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que contemplará medidas relativas non só para as bolsas de un só uso, senón tamén outros materiais desbotables como pratos, vasos, cuncas ou bandexas alimentarias.

“Defendemos un modelo de economía circular que supón un cambio integral do modelo actual, no que tamén vai incluída, como non pode ser doutro xeito, a modificación da lexislación actual, pensada para un modelo lineal e non para a economía circular”, sinalou Trenor.

Respecto desta nova lei, apuntou que será un texto “innovador, práctico e que se sitúa en liña coas políticas europeas, contribuíndo ao fomento do emprego verde en Galicia”. “Entre as medidas máis novidosas da lei destacarán as accións para loitar de forma efectiva contra o desperdicio alimentario, a regulación da venda do menaxe dun só uso ou o fomento do mercado dos residuos valorizados e da compra pública verde innovadora”, explicou.

Comentarios