Smarter Together en Compostela

Smarter Together en Compostela
Smarter Together en Compostela

O proxecto europeo Smarter Together ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes

O proxecto europeo Smarter Together, do que forma parte Santiago como cidade seguidora, celebra hoxe e mañá en Compostela unhas xornadas de traballo para analizar as actuacións que se veñen desenvolvendo nos últimos meses. Os/as participantes na xuntanza foron recibidos/as este mediodía no Pazo de Raxoi.

As xornadas de traballo permitirán analizar cuestións como a reorganización da estrutura administrativa das cidades tendo en conta o concepto de "cidade intelixente", e afondarán tamén as estratexias para a renovación enerxética das cidades. Ao longo destes dous días, as persoas participantes analizarán tamén as experiencias de urbes europeas nestas materias. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, encargouse de darlles a benvida aos/ás representantes das cidades integrantes do Smarter Together, nunha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Smarter Together


O proxecto europeo Smarter Together ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes. As áreas de traballo nas que se está a desenvolver a estratexia son: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sostible, e district heating e enerxías renovables.

Compostela é socio do Smarter Together como cidade "seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas "cidades faro": Lyon, Munich e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020.

Comentarios
Lo más