O Parlamento insta ao Concello a iniciar, o antes posible, a redacción do proxecto de accesos á nova estación de autobuses

O Parlamento insta ao Concello a iniciar, o antes posible, a redacción do proxecto de accesos á nova estación de autobuses
O Parlamento insta ao Concello a iniciar, o antes posible, a redacción do proxecto de accesos á nova estación de autobuses

Antón criticou que o Concello “mantén unha postura opaca e pouco transparente ás solicitudes de información que se lle piden sobre os avances nas cuestións que son da súa responsabilidade”

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita ao Concello de Santiago que inicie, o antes posible, a redacción do proxecto de accesos que garanta a funcionalidade á nova estación de autobuses a partir da rúa Clara Campoamor. “É preciso que o Concello lle dea un pulo a esta infraestrutura e coordine co resto de administracións as diferentes actuacións, nun exercicio de responsabilidade e cooperación institucional”, indicou a deputada popular María Antón Vilasánchez.

A estación intermodal de Santiago de Compostela é unha iniciativa que impulsan conxuntamente a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento-ADIF e o Concello de Santiago de Compostela a través dun convenio marco asinado no mes de xuño de 2016. “Estamos ante unha actuación estratéxica non só para a cidade de Santiago senon para toda Galicia, que permitirá un intercambio de modos de transporte inmediato e sinxelo, facilitando así a viaxe e a conectividade con destino u orixe nesta cidade”, explicou María Antón.

Na súa intervención, a deputada popular fixo un repaso pola situación actual das obras desta nova estación intermodal. Así, indicou que o Ministerio de Fomento avanza día a día nas obras comprometidas, coas actuacións tanto nas vías como no edificio de servizos ou a cuberta da estación; e a Xunta está a avanzar na redacción do proxecto e licitación das obras da nova estación de autobuses, coa previsión de que neste verán comecen os traballos, cun prazo de execución de 18 meses e un orzamento de 10,4 millóns de euros.

“Ademais das demoras nos tempos nas actuacións que dependen do Concello de Santiago motivadas pola súa inoperancia, o goberno municipal, que tivo oportunidade de opinar e facer achegas sobre o traballo das outras dúas administracións, mantén unha postura opaca e pouco transparente ás solicitudes de información que se lle piden sobre os avances nas cuestións que son da súa responsabilidade, particularmente sobre a definición de accesos”, lamentou María Antón.

Máis en concreto, a deputada popular lembrou que “a nosa preocupación polo cumprimento dos compromisos asumidos polo Concello parte de feitos como que a autorización da sinatura do convenio para a futura pasarela, prevista para o mes de abril, tivo que adiarse ata finais de maio porque o goberno municipal de Compostela Aberta non orzamentou para 2018 o importe necesario para facer fronte aos seus compromisos economicos”, polo que o Concello “tivo que convocar un pleno extraordinario o pasado 15 de maio para aprobar unha modificación orzamentaria”.

Así mesmo, referiuse ao erro cometido polo Concello na tramitación da licitación do contrato para o deseño dos accesos á intermodal e a reurbanización da rúa Clara Campoamor, “vinculando, en primeiro lugar, esta licitación a un prego de prescricións técnicas doutra licitación e, en segundo lugar, porque os criterios de adxudicación na valoración de ofertas non se axustan á nova Lei de Contratos”. “O Concello tivo que modificar o pasado venres estes aspectos e, de paso, mudaron tamén o prazo para a presentación de propostas, pasando de 15 días a un mes, o que representa unha demora importante na tramitación do expediente”.

Mellora da mobilidade

Diante destes feitos, a deputada popular indicou que “non podemos permitir que á data de finalización das obras da estación de autobuses non existan os accesos axeitados que permitan a súa entrada en servizo nas mellores condicións, garantindo a plena e correcta operatividade da estación”.

María Antón explicou que “uns accesos axeitados á estación e a remodelación do viario deberán supoñer a mellora da mobilidade en toda a zona e, polo tanto, unha vantaxe para a veciñanza de Santiago e daqueles outros que se desprazan todos os días por Santiago”.

“Non será admisible que a alta velocidade non chegue a Galicia no prazo establecido e cando iso suceda, Santiago terá que ter a unha estación intermodal que conte con todos os equipamentos e accesos previstos nos proxectos consensuados e asinados”, manifestou.

Comentarios