Preséntase a segunda edición do campus de verán Básquet Ames que se desenvolverá entre o 2 e o 13 de xullo

Preséntase a segunda edición do campus de verán Básquet Ames que se desenvolverá entre o 2 e o 13 de xullo
Preséntase a segunda edición do campus de verán Básquet Ames que se desenvolverá entre o 2 e o 13 de xullo

O campus, que está dirixido a rapazas e rapaces nados entre o 2004 e o 2012, desenvolverase en dúas quendas entre o 2 e o 13 de xullo, en horario de 10 a 17:30 horas. As actividades realizaranse tanto no pavillón municipal como nas instalacións deportivas do IES do Milladoiro. O campus incluirá servizo de madrugadores e comedor

Este xoves, 7 de xuño, o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da segunda edición do campus de verán Básquet Ames. A presentación correu a cargo do alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, e do presidente do Club Básquet Ames, José Luís Penas. O campus, que está dirixido a rapazas e rapaces nados entre o 2004 e o 2012, desenvolverase en dúas quendas entre o 2 e o 13 de xullo, tanto no pavillón polideportivo municipal como no ximnasio do instituto do Milladoiro. As nenas e nenos interesados en asistir ao campus deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico basquetames@gmail.com, indicando o nome completo, a data de nacemento, se precisan de servizo de comedor (en caso afirmativo indicar alerxias alimentarias) e achegando o recibo do pagamento. 

O campus, que está dirixido a nenas e nenos nados entre o 2004 e o 2012, persigue fomentar a práctica do baloncesto, ao tempo que ofrece unha formación de calidade neste deporte e facilita a conciliación das familias amesás durante o verán. A captación de mozas e mozos para o propio Club é outro dos eixos fundamentais do traballo realizado no campus.

O horario do mesmo estenderase desde as 10:00h ás 17:30 horas. Porén, as nenas e nenos que se inscriban no servizo de madrugadores comezarán ás 08:45 horas. Ao mediodía haberá unha pausa, entre as 14:00h e as 15:000 horas, para que as rapazas e rapazas poidan xantar nas súas casas ou no comedor do campus.

Entre as 10:00h e as 11:30 horas terá lugar o primeiro dos adestramentos do día, ao que seguirá un pequeno descanso de media hora para merendar e recuperar forzas. Entre as 12:00h e as 13:00 horas, as nenas e nenos realizarán actividades de robótica, mentres que entre as 13:00h e as 14:00h acudirán á piscina municipal. Xa pola tarde, entre as 15:00h e as 16:00 horas, desenvolverase unha sesión de vídeo, na que se proxectarán imaxes das nenas e nenos realizando diferentes xestos técnicos, co obxectivo de detectar erros e enfatizar as melloras acadadas por cada participante. Nestas sesións tamén se visualizarán gravacións de xogadores de elite realizando diferentes técnicas. Por último, entre as 16:00h e as 17:00 horas producirase o segundo e último adestramento do día.

As mozas e mozos participantes serán divididos en grupos de 15, que estarán supervisados cada un deles por un adestrador. Como novidade deste ano, o Campus incorporará adestradores de diferentes puntos da xeografía galega para mellorar a calidade da formación ofrecida.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou a importancia da organización de actividades deportivas desta índole de cara a fortalecer os servizos de conciliación do Concello: “Este campus non deixa de ser un complemento máis aos programas de conciliación municipais, á Escola de Verán e ao Xuño e ao Setembro Lúdico que se realizan nesta época do ano. A combinación da práctica deportiva e da conciliación resultan, neste sentido, eficaces á hora de ofertar ás nenas e nenos do concello unha alternativa sa e lúdica para parte das vacacións estivais”.

Tarifas e tramitación das inscricións

Para o campus completo (dúas semanas) o prezo é de 215 euros (con comedor) e 185 euros (sen comedor), mentres que para as nenas e nenos que xoguen no Básquet Ames o prezo é de 175 euros (con comedor) e de 145 euros (sen comedor). O prezo do campus para unha semana é de 155 euros (con comedor) e 135 euros (sen comedor). Neste caso, para as rapazas e rapaces do Básquet Ames o prezo é de 125 euros (con comedor) e 105 euros (sen comedor). Ademais, haberá un desconto do 50% para as segundas ou segundos irmáns inscritos.

Para obter máis información pódese visitar a páxina web http://basquetames.blogspot.com.es, chamar ao número de teléfono 699 463 922 ou enviar un correo electrónico ao enderezo basquetames@gmail.com. Recoméndase realizar as inscricións antes do vindeiro 15 de xuño. As prazas son limitadas.

Durante a presentación, o presidente do Club Básquet Ames, José Luís Penas, destacou o incremento da participación nesta segunda edición do campus: “Neste 2018, esperamos incrementar as cifras de participación case un 50% con respecto ao ano anterior.

Ademais, é salientable que parte deste incremento correspóndese á inscrición de moitas rapazas que se queren iniciar na práctica do baloncesto. Actualmente, xa están cubertas case o 60% das prazas dispoñibles para esta segunda edición, polo que convidamos ás nenas e nenos interesados a que vaian formalizando as súas inscricións”.

Comentarios