Aprobada a reparación dos destrozos por actos vandálicos do futuro Centro Social de Carreira

Aprobada a reparación dos destrozos por actos vandálicos do futuro Centro Social de Carreira

Unha vez acometidas ambas accións, poderase finalizarse o edificio

A xunta de goberno do Concello de Riveira procedeu na súa reunión desta semana a aprobar a reparación dos danos ocasionados por actos vandálicos no Centro Social de Carreira, o que, unha vez efectuado, permitirá proseguir e concluír a construcción deste novo inmoble.

A este respecto, cómpre lembrar que o centro social sufrira un episodio de vandalismo cando xa estaba aprobada a adxudicación da actuación destinada a rematar o edificio. Estes actos supuxeron importantes destrozos nos vidros da carpintería exterior, no cadro eléctrico, no alumeado de emerxencia e en distintos mecanismos eléctricos como enchufes e interruptores.

12.000 EUROS

Agora, e tras oportuna valoración técnica e o procedemento de contratación, dos danos ocasionados nas instalacións de fontanería e electricidade vaise encargar a empresa Noba Eléctrica por un importe de 5.830,99 euros, en tanto que dos desperfectos na carpintería de aluminio fará o propio Digar de Artes por 6.724.82 euros. Desta forma, elévase ata máis de 12.000 euros o importe necesario para reparar os estragos.

Unha vez acometidas ambas accións, poderase finalizarse o edificio: unha actuación que fora adxudicada o ano pasado a Fonsan Gestión y Construcción, S.L., comportando un investimento superior aos 213.000 euros. Estas obras inclúen a realización dos acabados, instalacións de telecomunicacións, acometidas e urbanización exterior para poñer a disposición dos veciños un centro social de 268 metros cadrados formado por dous volumes unidos: un deles consistente nun local diáfano capaz de aloxar diferentes actividades da comunidade e o outro que dará cabida a unha cafetería e aos servizos comúns.

Comentarios