domingo. 24.06.2018 |
El tiempo

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC cumpre 75 anos

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC cumpre 75 anos

O inicio das actividades deste centro, único no actual Sistema Universitario de Galicia en investigación, docencia e divulgación astronómica, vén marcado polo nomeamento de Ramón María Aller Ulloa como director o 27 de setembro de 1943.

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC que dirixe José Ángel Docobo vai conmemorar ao longo deste ano o seu 75 aniversario. O inicio das actividades deste centro, único no actual Sistema Universitario de Galicia en investigación, docencia e divulgación astronómica, vén marcado polo nomeamento de Ramón María Aller Ulloa como director o 27 de setembro de 1943. 

O padre Aller, que xa levara a cabo un intensísimo e exemplar traballo nos eidos das matemáticas e da astronomía nos seus sucesivos observatorios que construíu na súa vila natal de Lalín, xa se incorporara en 1939 á USC para explicar Xeometría Analítica e Análise Matemática nos cursos intensivos que tiveron lugar naquela época. Logo, as xestións levadas a cabo polo profesor Enrique Vidal Abascal deron o seu froito conseguindo que o CSIC apoiara o traslado do Observatorio de Lalín a Santiago, se ben é certo que a idea de tal traslado fora anterior ao 36, cando os profesores Isidro Parga Pondal e Luis Iglesias o concibiran. Impediuno o falecemento do reitor Cadarso.

Co novo rango de centro universitario, o Observatorio converteuse nun polo de atracción de científicos, especialmente de matemáticos galegos. Os medios materiais eran os mesmo que D. Ramón trouxo de Lalín, pero coa promesa de ir aumentándoos aos poucos. O refractor Steinheil do fundador, por exemplo, foi durante décadas o principal telescopio de Observatorio, que aínda en vida de Aller tentou acadar un novo de polo menos 0.30 m de apertura, que el consideraba absolutamente necesario.

Dado que as investigacións teóricas non precisaban de especiais orzamentos, estas avanzaron con gran rapidez e calidade, de xeito que xa en 1945 o profesor Vidal Abascal creou no Observatorio a Sección de Astronomía Teórica e Matemática Durán Loriga, que cunha moi destacable produción foi o xermolo da Sección de Matemáticas na Facultade de Ciencias, hoxe Facultade de Matemáticas.

Ramón María Aller foi, entre outras moitas cousas, o introdutor en España do estudo das Estrelas Dobres, e por iso esta rama da Astronomía é desde entón liña principal de investigación do Observatorio. Publicou ademais os libros Introducción a la Astronomía e Astronomía a Simple Vista, dirixiu as teses de Vidal Abascal, Cid Palacios, Mújica Buhigas, Zaera de Toledo e Ferrín Moreiras. Numerosos traballos de investigación publicados en revistas internacionais e estatais déronlle ao Observatorio un merecido prestixio incluso no estranxeiro.

Á morte de D. Ramón, explica o actual director do Observatorio Astronómico, o centro pasou por “momentos moi difíciles, que mesmo comprometeron a súa continuidade ao non conseguir un profesor de Astronomía que ocupase a dirección”. Pero aquí de novo a defensa do Observatorio “que sempre fixo o profesor Vidal” foi “decisiva”.

Nova dirección nos anos 80 Chegamos así ao ano 1981, no que a situación do centro era “terrible”, explica Docobo, que ocupou a praza de profesor de Astronomía na Facultade de Matemáticas baixo o mandato do reitor Suárez Nuñez. Xa en 1983, foi nomeado director coa responsabilidade de recuperar física e cientificamente o Observatorio.

Desde entón, nestes últimos 35 anos houbo un intenso traballo, como a posta ao dia da biblioteca (“na década dos oitenta unha das mellores de España”), a incorporación de persoal, numerosos logros científicos e de relacións institucionais (a establecida co Instituto Nacional de Meteoroloxía), incorporación de membros do Observatorio á International Astronomical Union, adquisición de cámaras de interferometria para observación de binarias en grandes telescopios e finalmente a incorporación en 2003 do ansiado telescopio de 0.62m de apertura.

A isto hai que sumar os milleiros de alumnos e alumnas que fixeron as prácticas de Astronomía no centro e as iniciativas no eido da divulgación, destacando de xeito especial o programa TodoCosmos, que co financiamento da FECYT está levando a ciencia astronómica a mais de 30 concellos galegos nos últimos anos. Ademais, recuperouse o orixinal Observatorio de Lalín, onde se iniciou a investigación astronómica en Galicia.

Tentando acadar unhas novas instalación fóra da cidade, o Observatorio propuxera á Xunta de Galicia a creación dunha estación de observación no cumio do monte Faro, logo de comprobar cientificamente a calidade da imaxe desde ese lugar situado no centro de Galicia. Todo o proxecto científico foi realizado por persoal do Observatorio tras un convenio de colaboración coa Xunta.

Próximas actividades 

Entre as actuación previstas para este ano, iniciadas o pasado día 4 cunha conferencia do director no Ateneo de Santiago, figuran a organización das XVII Xornadas de traballo en Mecánica Celeste, a reedición das obras Algorítmia e Astronomía a ollo ceibe por parte da Xunta de Galicia, unha nova edición do programa TodoCosmos e numerosos cursos e conferencias. 

Comentarios