lunes. 25.06.2018 |
El tiempo

Debate sobre o populismo nos Luns do Ateneo

Debate sobre o populismo nos Luns do Ateneo

O acto será hoxe mesmo ás 20:00 horas na sede do Ateneo en Santiago

Actualmente os políticos e os seus partidos acúsanse mutuamente de xeito despectivo como populistas. Pero que se quere dicir cando se fala de populismo? Para aclaralo o Ateneo de Santiago convidou á Politóloga Máriam Martínez-Bascuñán a impartir a conferencia dos Luns do Ateneo desta tarde titulada “A gran reacción populista”. Como sempre será ás 20.00 horas na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela e rematará cunha quenda de preguntas por parte do público asistente, que poderá acceder libre e gratuitamente ata completar o aforo dispoñible.

Máriam Martínez-Bascuñán é Licenciada en Dereito e Doutora en Ciencias Políticas pola Universidade Autónoma de Madrid. Concluíu os seus estudos de Ciencia Política no Institut d´Études Politiques de París, onde obtivo o “Diplome du Programme International”. Foi bolseira FPU do Ministerio de Educación y Ciencia e visiting researcher nas Universidades de Chicago, baixo a supervisión de Iris Marion Young, Columbia University de Nova Iork, baixo a supervisión de Jean Cohen, e no Institut d´Études Politiques de París. É premio extraordinario á mellor tese doutoral en Ciencia Política pola Universidade Autónoma de Madrid e premio ao mellor artigo de Ciencia Política de 2010 pola Asociación Española de Ciencia Política. As súas liñas de investigación céntranse na Teoría Política e Social Contemporánea e na Teoría Política Feminista. Actualmente é profesora de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid, onde imparte clases de Teoría Política, Ciencia Política e Teoría Feminista.

Comentarios