O TED-Saúde xa ten gañadores e contribúe con outros 22 vídeos ao catálogo de vídeos en galego de ciencias da saúde en TED

O TED-Saúde xa ten gañadores e contribúe con outros 22 vídeos ao catálogo de vídeos en galego de ciencias da saúde en TED

Alberte Regueira López e Noelia Bernárdez Alonso son os gañadores do concurso de subtitulacións de vídeos de TED-Saúde, unha actividade organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC que busca incrementar os contidos en galego na rede no ámbito das ciencias da saúde, máis concretamente aumentar o número e vídeos TED que poidan ler en lingua galega

Alberte Regueira López e Noelia Bernárdez Alonso son os gañadores do concurso de subtitulacións de vídeos de TED-Saúde, unha actividade organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC que busca incrementar os contidos en galego na rede no ámbito das ciencias da saúde, máis concretamente aumentar o número e vídeos TED que poidan ler en lingua galega. Aos 22 vídeos TED-Saúde presentados este ano, súmanse os 31 da edición de 2016 e os 20 da de 2017, o que eleva a 73 os vídeos de Ciencias da Saúde con subtítulos en galego.

Alberte Regueira López resultou gañador na modalidade A polos subtítulos ‘Como definen os nosos microbios quen somos’, elaborados para o vídeo ‘How our microbes make us who we are’ de Rob Knight. Alberte Regueira é membro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química da USC. A modalidade A está dirixida a membros da comunidade universitaria e dotada cun premio de 250 euros e diploma honorífico, e nela concorreron oito concursantes.

Na convocatoria aberta ou modalidade B, dotada cun premio de 150 euros e diploma honorífico, concorreron 14 subtítulos. A gañadora foi Noelia Bernárdez Alonso, polos subtítulos ‘Por que os civís sofren máis cando xa rematou a guerra’ elaborados para o vídeo ‘Why civilians suffer more once a war is over’ de Margaret Bourdeaux.

Formaron parte do xurado Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC; Mario Cal Varela, docente do Obradoiro de Subtitulación e profesor do Dpto. de Filoloxía Inglesa da USC; Xusto A. Rodríguez e Isabel Vaquero, técnicos do SNL da USC. O xurado destacou a alta calidade media dos traballos que se presentaron, que obrigou a reparar en pequenos detalles para dar elixido os subtítulos gañadores.

As 22 subtitulacións ao galego pasan a formar parte das posibilidade de visionado deses vídeos, ben directamente dende TED, ben dende a canle de Youtube do Servizo de Normalización Lingüística, ben dende a súa páxina web, con acceso tamén a toda a documentación das tres edicións organizadas. No mes de setembro a Facultade de Farmacia, cuxa Comisión de Normalización Lingüística está detrás desta iniciativa, fará un acto de entrega de premios.

Comentarios