Paco Reyes reclama un Plan Director Cultural e denuncia que Santiago ten baixado catro puntos no ránking das cidades en calidade e innovación, por detrás da Coruña

Paco Reyes reclama un Plan Director Cultural e denuncia que Santiago ten baixado catro puntos no ránking das cidades en calidade e innovación, por detrás da Coruña

O concelleiro referiuse, entre outros, aos resultados de 2017 da consulta anual que, dende 2009, realiza o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea

O voceiro socialista, Paco Reyes, solicitou onte ao goberno municipal a redacción do Plan Director Cultural para Santiago, "unha vez que se ten constatado que a cidade está a perder importancia a nivel estatal". O concelleiro referiuse, entre outros, aos resultados de 2017 da consulta anual que, dende 2009, realiza o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, que conclúe que das localidades españolas con maior impacto nesta área, Santiago, no que se refire á calidade e innovación da súa oferta, está no posto 15, catro por debaixo que en 2016 e outros tanto menos que A Coruña, que medrou un posto.

"Tamén estes datos son negativos para Compostela no que se refire ao mellor do ano, xa que Santiago nin aparece nos 60 actos ou institucións máis destacados, mentres si que aparecen localidades como Olot, Caravaca de la Cruz ou Sitges", sinalan dende o Grupo Municipal Socialista.

Para Reyes, estes resultados evidencian, entre outros, a necesidade de elaborar, por parte do goberno municipal, un Plan Director Cultural, documento que ten xa moitas cidades, como Burgos, Barcelona ou Vitoria. Este documento, segundo o responsable socialista, debe facer fronte a unha serie de aspectos ou eivas que ten a cultura en Santiago: a falta de indicadores para medir o impacto das actividades; a falta dun plan estratéxico de subvencións; e inexistencia de coordinación para a programación, e a segmentación e ineficacia da difusión cultural; a falta de educación cidadá; a necesidade de implantar un proceso participado no que tomen parte os axentes culturais e a cidadanía; a redacción dun mapa de necesidades e a implantación dun plan de formación artísitica e cultural; o asesoramento dende a promoción económica a factorías culturais ou cooperativas; o desenvolemento da cidade do audiovisual ou a celebración dun mercado anuel de produtos culturais autorpoducidos e a utilización da rede de librarías como puntos de venta de libros de autores locais.

Paco Reyes anunciou que o grupo socialista trasladará este plantexamento ao goberno local para que se inicie o Plan Director, ao tempo que criticou que en tres anos de mandato non se teña feito nada ao respecto.

Comentarios