BNG e PSdeG propoñen medidas para acoller aos refuxiados do 'Aquarius'

BNG e PSdeG propoñen medidas para acoller aos refuxiados do 'Aquarius'

Xoaquín Fernández Leiceaga sinalou que a iniciativa do goberno presidido por Pedro Sánchez de ofrecer Valencia como porto refuxio supón unha “chamada de atención aos estados da UE”

O portavoz do grupo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que colabore co goberno central na acollida en Galicia dos refuxiados e refuxiadas nos buques Aquarius. 

O responsable socialista urxiu á colaboración co goberno central de tódalas administracións, tanto locais como autonómicas, para dar unha saída a esta situación humanitaria de emerxencia e acoller aos 629 refuxiados que veñen de ser rexeitados polo seu primeiro destino, en Italia.

Xoaquín Fernández Leiceaga sinalou que a iniciativa do goberno presidido por Pedro Sánchez de ofrecer Valencia como porto refuxio supón unha “chamada de atención aos estados da UE” sobre a necesidade de artellar unha solución global ao drama das migracións, sinaladamente procedentes de África”.

PROPOSTA DO BNG AOS REFUXIADOS

Pola súa parte, os concellos gobernados polo BNG, entre eles Rianxo, póñense a disposición do Goberno da Xunta para colaborar na acollida das 629 persoas refuxiadas abordo do Aquarius e de todas as que foxen dos seus países de orixe escapando da miseria, da violencia e mesmo da morte para buscar unha vida mellor.

Así o trasladou o portavoz do Bloque na FEGAMP, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asegurando que os concellos nacionalistas teñen as súas portas abertas ante este “drama humano” porque “nin queremos nin podemos mirar para outro lado”.

“Aproveitamos esta comparecencia para transmitir ao Goberno da Xunta a total disposición dos concellos gobernados polo BNG para recibir, axudar e amparar a estas persoas, temos as portas abertas para darlles acollida e poñer o noso modesto grao de area”, explicou o rexedor carballés, “queremos que os nosos concellos e este país sexan un reflexo da súa veciñanza, que sabe moi ben o que é saír fora para buscarse o pan e o sustento fora dos seus fogares, que sabe moi ben o que é saír das súas casas para buscar unha vida mellor”, explicou o rexedor carballés.

Comentarios