lunes. 25.06.2018 |
El tiempo

Rafael Yebra actuará na Igrexa da Universidade

Rafael Yebra actuará na Igrexa da Universidade

Paralelamente á súa actividade docente, dirixe e coordina o ciclo Saxornadas e é profesor residente da Aula Internacional de Saxofón

A Igrexa da Universidade é o lugar elixido para o concerto Saxofón galego deste mércores 13 nas Xornadas de Música Contemporánea. A partir das 20.30 horas, con entrada libre ata completar o aforo, o saxofonista Rafael Yebra interpretará obras de Luis Carro (1957), Juan Eiras (1977), Pablo Beltrán (1970), Jacobo Gaspar (1975) e Jesús González (1965). A peza Señales-trumpet, deste último, estréase no concerto en versión para saxofón soprano. 

RAFAEL YEBRA

Tras estudar nos Conservatorios de Ourense e A Coruña co profesor Narciso Pillo, Rafael Yebra participa no Seminario de Saxofón Contemporáneo da Escola de Altos Estudos co saxofonista A. Gomis e amplía a súa formación con J. M. Londeix e M. B. Charrier. Yebra foi vicedirector e director do Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde é profesor de saxofón. Ten impartido clases maxistrais e concertos dentro do programa Erasmus en diferentes universidades e conservatorios superiores de música de Europa.

Paralelamente á súa actividade docente, dirixe e coordina o ciclo Saxornadas e é profesor residente da Aula Internacional de Saxofón. Na súa aposta pola música actual estrea obras de Jacobo Gaspar, María García-Mendoza, Luis Carro, Pablo Beltrán, Fernando Buide, Jesús González, Eduardo Soutullo, Eckart Beinke, José Luís Campana, Helmut Oehring e Christophe Havel.

En 2009 crea o colectivo Múltiplensemble, con quen estrea e dirixe en 2012 o espectáculo multidisciplinar Visións Sonoras sobre o Lérez patrocinado polo Concello de Pontevedra con motivo do día europeo da música. Un ano antes participa na gravación da obra Miniatura Mantis da compositora María García-Mendoza patrocinado pola fundación Cuña-Casasbellas de Pontevedra, e en 2010 grava Locus Amoenus para saxofón barítono e electrónica do compositor Antonio Rocha para o ciclo XV da Asociación Galega de Compositores. En 2015 participa xunto á Real Filharmonía de Galicia na primeira gravación mundial para o selo discográfico Naxos da obra Guitar para orquestra do compositor suízo Frank Martin.

Na actualidade traballa en diferentes proxectos nos que tenta conxugar a música clásica actual (contemporánea) co rock, jazz e outros estilos populares nun intento de conciliar o público xeral coa música actual e popular.

Comentarios