Agustín Hernández reclama ao Goberno de Martiño Noriega unha mellora efectiva na convocatoria de axudas individuais para acceder a taxis adaptados

Agustín Hernández reclama ao Goberno de Martiño Noriega unha mellora efectiva na convocatoria de axudas individuais para acceder a taxis adaptados

Para levar a cabo os cambios que fagan que estas subvención sexan realmente efectivas, Hernández considera imprescindible contar coa participación daquelas entidades, como COGAMI, representativas do colectivo ao que van dirixidas

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, solicitou hoxe, en rolda de prensa, que se revise de forma urxente e se introduzan modificacións que permitan mellorar a convocatoria de axudas individuais para o uso do taxi, como alternativa para persoas de mobilidade reducida e con dificultades de acceso ao transporte público colectivo.

Para levar a cabo os cambios que fagan que estas subvención sexan realmente efectivas, Hernández considera imprescindible contar coa participación daquelas entidades, como Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), representativas do colectivo ao que van dirixidas. Así mesmo, Agustín Hernández remarcou que é necesario estudar a posibilidade de incorporar unha tarxeta prepagamento ou moedeiro como método para facer efectivas estas axudas.

Seguindo as consideracións de COGAMI, o Grupo Municipal Popular considera axeitado trasladar ao Pleno a proposta desta entidade que, fundamentalmente, xira arredor da conveniencia de mudar a forma de materializar esta axuda. Así, en vez de facer o pagamento a posteriori, logo da xustificación dos gastos realizados sería máis efectivo crear unha tarxeta prepago ou, cando menos, que se incorpore na convocatoria de 2018 a posibilidade de establecer un pagamento anticipado de ata un 100%.

Xunto con este cambio prioritario sobre a forma de pagamento, no caso de manter as liñas básicas da convocatoria realizada en 2017, hai máis cousas que cambiar como suprimir a limitación total das axudas a persoas que teñan vehículo propio; e ampliar o prazo establecido para solicitar as axudas a todo o ano, cunha vinculación ao esgotamento do crédito.

Ademais, deberíase aumentar tamén os prazos de xustificación e incrementar os umbráis de renda para o acceso ás axudas, ademais de suprimir a antigüidade no empadroamento ou a eliminación das posibilidades de exclusión por seren usuarias do 065 ou do subsidio de mobilidade.

Agustín Hernández concretou que os Populares levarán estas iniciativa ao Pleno municipal deste mes, co fin de que o Goberno de Compostela Aberta se poña a traballar neste sentido, xa que esta proposta xorde do fracaso da convocatoria do ano anterior e baséase na análise que, sobre a escasa demanda destas axudas, ten realizado a entidade COGAMI e que ten transmitido a este grupo.

Cabe lembrar que a iniciativa destas axudas municipais, partiu dunha moción do Grupo Municipal Popular en maio de 2017, para a implantación dun bonotaxi para persoas con discapacidade. Estas iniciativa acadou o apoio unánime da Corporación e, como unha rara excepción entre os acordos plenarios adoptados no actual mandato, supuxo o estímulo necesario para que o Goberno de Martiño Noriega asumira esta demanda e tramitase o correspondente expediente administrativo.

No obstante, a pesar do necesario das axudas, a convocatoria, tal e como denunciou o Grupo hai uns meses, supuxo un estrepitoso fracaso, posto que, logo de que se pechara o prazo establecido, unicamente se concederon tres axudas, por un importe total de 900 euros, o que equivalía ao 6% dos 15.000 euros inicialmente consignados para estas axudas.

Para o Grupo Municipal Popular resulta sorprendente esta situación, xa que as persoas que en Santiago teñen limitacións para subirse a un autobús ou o número de tarxetas autorizadas que se asinan a diario no departamento municipal de Tráfico para estacionar nas prazas reservadas para vehículos que trasladen a persoas con discapacidade, certifican a existencia dun gran número de persoas que teñen recoñecida pola Xunta de Galicia a súa mobilidade reducida.

Por todo isto, queda claro que o Goberno de Martiño Noriega non soubo facer efectiva unha iniciativa que todos os grupos apoiaron e xulgaron necesaria, e que mesmo os informes municipais valoraban de forma positiva como algo “esencial”.

Este fracaso non só preocupa ao Partido Popular, senón que outras persoas e entidades amosaron a súa estrañeza polo escaso eco destas axudas, entre elas, a COGAMI que, despois de analizar e reflexionar sobre o resultado da convocatoria do concello compostelán, propuxo unha serie de modificacións para mellorar a medida e facela máis atractiva e eficaz para os fins propostos.

Finalmente, Hernández insistiu en que o que se busca é revisar e levar a cabo as modificacións que se consideren necesarias para facer desta liña de axudas á mobilidade unha ferramenta eficaz para corrixir desigualdades, facilitar a autonomía e fomentar a convivencia comunitaria.

Comentarios