martes. 19.06.2018 |
El tiempo

Conclúen as actividades deportivas coa Festa de Fin de Curso das Escolas do Concello, da APA do CPI e da EF Boqueixón e coa Gala de Patinaxe

Conclúen as actividades deportivas coa Festa de Fin de Curso das Escolas do Concello, da APA do CPI e da EF Boqueixón e coa Gala de Patinaxe

Adultos e cativada gozaron de dúas xornadas nas que se mesturaron exhibicións con outras propostas de lecer

O Concello pechou as actividades deportivas municipais coa celebración de dúas xornadas cheas de exhibicións e propostas de lecer. Centos de persoas acudiron a ambas as dúas sesións desenvolvidas durante a pasada fin de semana. 

A primeira delas tivo lugar o venres pola tarde nas instalacións de O Forte. Nesta II Festa de Fin de Curso déronse cita os alumnos e alumnas tanto das Escolas Deportivas Municipais, como da APA do CPI Antonio Orza Couto e da EF Boqueixón. A xornada estivo marcada, en primeiro lugar polas exhibicións de distintas disciplinas deportivas. Entre elas, as de judo, ximnasia rítmica, Zumba Kids e fútbol, así como masterclass de zumba e pilates para adultos.

A programación deste festival de clausura completouse cunha exposición de manualidades, campionatos de xadrez, fútbol 3x3, inchables, xogos, actividades de psicomotricidade e unha merenda para todos os/as participantes. Unha completa xornada na que adultos e cativada gozaron de propostas do máis variado.

Pola súa banda, o pavillón de Lestedo acolleu o domingo a Gala de Patinaxe Artística. A cita, que estivo organizada polo Club Ágora, contou coa participación do alumnado das Escolas Deportivas de Boqueixón e Vedra.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e a concelleira de Educación, Cultura e Deportes, Mari Botana, presidiron a entrega de diplomas aos alumnos e alumnas das Escolas Deportivas municipais. Coa Festa de Fin de Curso e a Gala de Patinaxe púxose o broche ás distintas actividades propostas polo Concello boqueixanés e que promoven hábitos de vida saudable.

Máis de 200 participantes nas actividades deportivas

O Concello de Boqueixón conta con dous programas específicos de fomento da actividade deportiva, nos que participaron máis de 200 veciños e veciñas, durante a tempada 2017/2018. O primeiro deles son as Escolas Deportivas municipais, centradas na cativada, cos cursos de judo e de patinaxe.

Por outra banda, o concello ofertou varios grupos de zumba, pilates, bailoterapia e ximnasia de maiores, dentro do seu programa Actívate de actividades físicas e deportivas para adultos.

Todas estas actividades compleméntase coas propostas pola APA do CPI Antonio Orza Couto, a EF Boqueixón, Futsal Boqueixón e o Club Ágora.

Comentarios