Volta e Dálle representa "Dura Lex" en Fontiñas

Volta e Dálle representa "Dura Lex" en Fontiñas

Este mércores 13 de xuño, ás 20:00 horas, a compañía Volta de Dálle representará a obra Dura Lex no Centro Cívico das Fontiñas

Este mércores 13 de xuño, ás 20:00 horas, a compañía Volta de Dálle representará a obra Dura Lex no Centro Cívico das Fontiñas. Despois da representación haberá un coloquio co público sobre a liberdade de expresión e a "Lei Mordaza" no que participará o colectivo EsCULcA (Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades).

O espectáculo propón unha crítica ao sistema xudicial vixente en clave de humor. A obra está escrita e dirixida por Carlos Santiago e protagonizada por Pepe Penabade, que encarna a un xuíz expulsado da maxistratura que presenta un invento para suplir os elementos "prescindíbeis" do aparello xudicial. O xuíz Salomón da Silva convoca un acto promocional para presentar a Dura Lex Pro 1.0, a máquina de facer xustiza, un invento "chamado a revolucionar o sistema xudicial".

Entre as variadas prestacións do invento destaca a súa axilidade no procesamento de condutas delictivas, a súa economía de medios facilitada pola supresión de fiscais, avogados, procuradores e outros roles xurídicos e a súa irreprochable imparcialidade mecánica. Ante a urxencia de reformas e recortes no eido xudicial, sancionada pola crise e a política gobernamental, o noso xuíz ofrece á sociedade a solución perfecta a todas as imperfeccións do sistema xudicial.

Carlos Santiago asina un texto acedo, no que se combinan as alusións á actualidade con reflexións máis filosóficas arredor do concepto de Xustiza e do papel dos membros do corpo xudicial. Comba Campoy apoiou na dirección e na produción deste monólogo, mentres que o atrezzo correu a cargo de Pancho Lapeña.

O intérprete

O actor protagonista, Pepe Penabade (Cabanas, O Vicedo, Lugo), foi un dos fundadores (en 1987) da compañía Os Quinquilláns, da que formou parte até 1999 e, un ano despois, deu en fundar Volta e Dálle, compañía que dirixe na actualidade e na que participa como actor e escenógrafo. Na súa nómina figuran espectáculos coma Furga Garabela! Rodesindo da Barrosa, Salitre, Jalisia Mi Madriña!, Pan, catro propostas arredor da malla ou Menciñeiros, entre outros.

Nestes últimos anos tamén traballou como actor noutras compañías como Chévere (Eurozone) ou no Centro Dramático Galego (Salomé).

O cinema e a televisión tamén contaron co seu traballo en títulos coma Victoria 3 de marzo, A Mariñeira, 23F, Chapapote, Maratón, Pepe O Inglés, Padre Casares, Matalobos, Serramoura ou Hospital Real. 

Comentarios