domingo. 24.06.2018 |
El tiempo

Comeza unha rolda de xuntanzas no rural para presentar os Servizos Sociais Comunitarios do Concello

Comeza unha rolda de xuntanzas no rural para presentar os Servizos Sociais Comunitarios do Concello

O obxectivo destas reunións é achegar os Servizos Sociais á veciñanza do rural, para garantir que todas as persoas poidan acceder en igualdade de condicións aos programas e prestacións que se están xestionando en materia social desde o Concello

A concelleira de Políticas Sociais vén de iniciar unha rolda de reunións coas asociacións veciñais da zona rural para presentar e explicar os diferentes programas e prestacións que se desenvolven desde os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Santiago. Concha Fernández mantivo onte a primeira desas xuntanzas, coa veciñanza de Bando e Aríns.

O obxectivo destas reunións é achegar os Servizos Sociais á veciñanza do rural, para garantir que todas as persoas poidan acceder en igualdade de condicións aos programas e prestacións que se están xestionando en materia social desde o Concello. Coas xuntanzas trátase de atallar o descoñecemento que aínda existe entre a veciñanza das parroquias ao respecto dos recursos que teñen ao seu dispor.

Calendario de reunións

Despois da reunión de onte coa veciñanza de Bando e Aríns, o próximo luns, 18, está prevista unha xuntanza coas veciñas e veciños de Marrozos e O Eixo. Será a partir das 8 da tarde, no local sociocultural de Marrozos. Ao día seguinte, 19 de xuño, será a reunión en Verdía, tamén para os residentes de Busto.

Xa en xullo están previstas reunións en Marantes, para a veciñanza desta parroquia e de Nemenzo; na Gracia, tamén para os residentes na Grixoa; en Villestro, dirixida ás parroquias de Villestro, Laraño e Figueiras; e en Enfesta, tamén cos veciños e veciñas de Carballal. As últimas xuntanzas serán na Barciela, coa veciñanza de Barciela e Cesar; e na Peregrina, coa veciñanza desta parroquia e de San Xoán de Fecha. 

Comentarios