O Concello de Ribeira saca peito pola súa boa saúde financeira

O Concello de Ribeira saca peito pola súa boa saúde financeira

Explican dende o consistorio que "se reduciron en 1,5 millóns de euros as obrigas pendentes de pago (de 5.010.144 a 3.510.665 euros) e en máis de medio millón os dereitos pendentes de cobro (de 2.684.966 a 2.019.574 euros)"

Unha vez rematadas as operacións de peche e liquidación do Orzamento do Concello de RiBeira para 2017 e a falla da súa aprobación, constátase que a habitual boa saúde económica de que goza a Administración Municipal segue a mellorar tanto no estado de ingresos como no de gastos, aumentando incluso as cifras das grandes ratios con respecto á liquidación anterior.

É o caso do remanente xeral de tesourería, que foi de 17.361.356 euros, subindo un 27,5% respecto á liquidación de 2016 (13.606.087 euros) e un 57,4% a de 2015 (11.025.385 euros).

Asemade, o remanente axustado para gastos xerais se elevou ata os 7.735.295 euros cando na liquidación de 2016 foi de 3.499.157 (un 121% de incremento) e na de 2015 de 1.997.698 (un 287% máis).

Polo que se refire á ratio do resultado orzamentario (é dicir, a diferenza entre os dereitos liquidados durante o exercicio e as obrigas recoñecidas durante ese mesmo período) tamén arroxou un resultado positivo de 4.324.086 euros; en tanto que os fondos líquidos do Concello a 31 de decembro de 2017 ascendían a 10.428.797 euros (case tres millóns máis que o un ano antes no que era de 7.295.663 euros).

1,5 millóns para investimentos

Polo que se refire ao resultado orzamentario axustado (outro dato fundamental á hora de avaliar a saúde financeira dun Concello), ascende desta vez a 3.402.716 euros, o que vai permitir rebaixar a débeda viva en arredor de 2 millóns de euros e dedicar o resto a investimentos posto que este Concello cumpre para elo as ratios de solvencia esixidas.

Tamén cómpre salientar que se reduciron en 1,5 millóns de euros as obrigas pendentes de pago (de 5.010.144 a 3.510.665 euros) e en máis de medio millón os dereitos pendentes de cobro (de 2.684.966 a 2.019.574 euros).

Comentarios