A Facultade de Filoloxía celebra un simposio sobre a creatividade na comunicación en inglés

A Facultade de Filoloxía celebra un simposio sobre a creatividade na comunicación en inglés

Organizan este simposio o grupo de investigación SPERTUS que coordina o profesor Ignacio Palacios e a rede de investigación English Linguistics Circle (ELC) que lidera a profesora Teresa Fanego

O Simposio sobre innovación, creatividade e negociación comunicativa en inglés contemporáneo (ICNICE 18) comezará este xoves 14 na Facultade de Filoloxía, onde se vai desenvolver ata o venres 15 coa participación de medios centenar de asistentes. A decana do centro, María José López Couso presidirá a sesión inaugural ás 10.00 horas no Salón de Graos.

Organizan este simposio o grupo de investigación SPERTUS que coordina o profesor Ignacio Palacios e a rede de investigación English Linguistics Circle (ELC) que lidera a profesora Teresa Fanego. Nestas dúas xornadas debateranse, entre outros asuntos, a negación non estándar no inglés de Londres, as palabras comodín na expresión dos falantes novos, as actitudes do alumnado de inglés fronte diferentes acentos de falantes de inglés como lingua franca, a cuestión da identidade na comunicación intercultural, variación e cambio lingüístico en diferentes variedades do inglés ou a avaliación das destrezas orais.

A primeira conferencia plenaria correrá a cargo da catedrática de Inglés da Universidade de Toronto, Sali Tagliamonte, membro da Academia canadense e recoñecida especialista a nivel internacional na Sociolingüística inglesa, quen disertará sobre Wait! como marcador discursivo na linguaxe xuvenil. Os outros conferenciantes plenarios son os profesores Stefan Diemer da Universidade de Trier (Alemaña), que se centrará na comunicación mediada por vídeo nas conversas de falantes de inglés como lingua franca, e Ana Fernández Dobao da Universidade de Washington, que abordará o uso do inglés por falantes de herdanza de español. Este encontro está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e pola Xunta de Galicia.

Comentarios