A USC participa nun proxecto para combater as enfermidades da madeira da vide

A USC participa nun proxecto para combater as enfermidades da madeira da vide

Este grupo de investigación está avaliando o uso de especies fúnxicas do xénero Trichoderma (antagonista das principais especies causantes das EMV) como axente de control biolóxico e a súa aplicación mediante inserción de tacos previamente inoculados

Os investigadores do Grupo de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (Modestya) da USC Mª José Ginzo Villamayor e Manuel Febrero Bande participan no Grupo Operativo galego EVID, que se centra no seguimento de prácticas innovadoras para a prevención das enfermidades da madeira da vide (EMV). 

Durante os proxectos anteriores, o equipo identificou novas prácticas con resultados prometedores. Agora, o EVID busca o desenvolvemento de protocolos de traballo e ensaios de campo rigorosos así como de estudos estatísticos de tratamento de datos que permitan alcanzar resultados concluíntes e acheguen información sobre a viabilidade e efectividade destas prácticas. A finalidade última é achegar unha mellora na sustentabilidade e competitividade do sector vitivinícola na rexión.

En concreto, este grupo de investigación está avaliando o uso de especies fúnxicas do xénero Trichoderma (antagonista das principais especies causantes das EMV) como axente de control biolóxico e a súa aplicación mediante inserción de tacos previamente inoculados. Ademais, realizarán o seguimento doutras técnicas identificadas, como o tratamento por pulverización de feridas de poda ou a utilización de mastic protectores para demostrar a efectividade dos procedementos.

Co obxectivo de lograr un maior impacto na transferencia das prácticas e coñecemento xerado, os resultados divulgaranse entre os principais axentes do sector: adegas, viticultores e cooperativas, Consellos Reguladores e Denominacións de Orixe, empresas de explotación, centros de investigación e Administración pública.

Ademais dos estatísticos Manuel Febreiro e Mª José Ginzo da USC, participan neste proxecto Adegas Godeval SL, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia do Instituto Galego de Calidade Alimentaria e a Fundación Empresa-Universidade Galega. O grupo conta ademais con colaboradores do Servizo de Sanidade Vexetal da Consellaría do Medio Rural e do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño da Rioxa.

A actuación finánciase coas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, no marco do PDR de Galicia 2014-2020. 

Comentarios