O goberno local de Padrón apoia á plataforma contra a planta de residuos en Casalonga

O goberno local de Padrón apoia á plataforma contra a planta de residuos en Casalonga

Os concelleiros da Xunta de Goberno Local consideran "máis que razoables" as dúbidas sobre o impacto ambiental real que tería o proxecto para varias zonas do rural do municipio

O goberno local de Padrón aproveitou hoxe a reunión da Xunta de Goberno Local para manifestar o seu respaldo ás reivindicacións da plataforma promovida no Concello de Teo para rexeitar a instalación dunha planta de xestión de residuos na canteira de Casalonga.

Para o goberno padronés, que precisa que Cruces sería a parroquia padronesa máis afectada pola proximidade á zona elixida pola empresa promotora, son "máis que razoables" as dúbidas acerca do "impacto ambiental real" que tería a implantación da planta en Casalonga sobre diferentes lugares do municipio, como poden ser Areal, Angueira e A Picaraña, entre outros. Ademais, de xeito particular, considera negativa a súa posible repercusión sobre o treito do Camiño Portugués que transcorre entre Padrón e Santiago.

Ao respecto, o goberno local precisa que un informe técnico encargado polo Concello de Teo e elaborado pola firma Habitaq Estratexias advirte que "existen dúbidas en canto ao impacto ambiental sobre flora e fauna, consumo e verquidos de auga, posibles filtracións, etc., o que suporía un impacto negativo para a contorna, o seu medio ambiente e a poboación humana, como o poden ser, igualmente, posibles problemas derivados da aparición de plagas, cheiros, etc.". Por estes motivos, o goberno local decidiu pronunciarse en contra da instalación do devandito proxecto nas condicións descritas no mesmo.

Comentarios