lunes. 25.06.2018 |
El tiempo

A academia médico-cirúrxica de Santiago premia un traballo sobre retinopatía da prematuridade de profesionais do CHUS

A academia médico-cirúrxica de Santiago premia un traballo sobre retinopatía da prematuridade de profesionais do CHUS

A área sanitaria compostelá acadou unha das taxas máis baixas do mundo en retinopatía da prematuridade, que na actualidade é practicamente inexistente neste centro

O traballo “Coñecendo a retinopatía da prematuridade: do cribado universal á atención individualizada co lema: Por un mundo mellor” de varios profesionais da área sanitaria compostelá recibe esta tarde o Premio anual de investigación da Academia Médico Cirúrxica de Santiago de Compostela.

O estudo está a asinado por Alejandro Pérez Muñuzuri, do Servizo de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; María José Blanco Teijeiro, do Servizo de Oftalmoloxía, Unidade de Retina Médica, tamén do CHUS, e María Luz Couce Pico, responsable do Servizo de Neonatoloxía do CHUS.

A sanidade pública compostelá ven traballando na retinopatía da prematuridade desde hai anos e conta cun protocolo que permitiu unha mellora na asistencia continuada do neno gran prematuro reducindo o número de exploracións necesarias, logrando excelentes resultados no control da enfermidade. De feito, este arduo traballo no campo da retinopatía da prematuridade logrou que descendera a súa incidencia desde o 35% no ano 2005 ata ser practicamente inexistente na actualidade.

Esta tarde, ás 20,00 na sede do Colexio de Médicos en Santiago terá lugar a sesión de Clausura do Curso 2017/18, da Academia Médico-Cirúrxica de Santiago, na que se fará entrega do Premio de Investigación da Academia MQ a Alejandro Muñuzuri.

Posteriormente, o xenetista Ángel Carracedo pronunciará a conferencia maxistral Retos na translación clínica da medicina personalizada.

Retinopatía da prematuridade

A retinopatía da prematuridade é unha das principais causas de cegueira infantil. Afecta a acabados de nacer prematuros, sendo especialmente frecuente canto menor é a idade xestacional, menor é o peso e con evolución tórpida con comorbilidades asociadas (necesidade de osíxeno, infeccións, displasia broncopulmonar, etc).

A enfermidade prodúcese por unha detención da vascularización retiniana normal (estadíos iniciais) que evoluciona cara un crecemento anormal dos vasos que pode provocar o desprendemento da retina (estadíos avanzados ou proliferativos). En caso de producirse este estadío proliferativo, os pacientes requiren tratamento, xeralmente con láser, cuxa función é xerar unha cicatriz na retina que evite o anormal crecemento vascular e o desprendemento da retina, a costa, iso si, de provocar a perda de visión nesa zona.

Non todos os pacientes evolucionan a estadíos avanzados, podendo as fases iniciais reverter de forma espontánea (depende dos coidados que se apliquen ao prematuro e da súa evolución clínica).

O Servizo de Neonatoloxía da xerencia sanitaria de Santiago atende a unha media de 45-50 grandes prematuros menores de 1.500 gr ao ano. Todos eles son cribados xunto coa Unidade de Retina do Servizo de Oftamoloxía do CHUS para localizar aqueles que desenvolven retinopatía da prematuridade, e se o precisan, son sometidos a tratamento con láser.

Desde o ano 2005, no servizo de Neonatoloxía do Hospital Clínico de Santiago estúdase o papel da IGF1 (factor de crecemento ligado á insulina tipo 1) na patoxenia da enfermidade, publicando os resultados en revistas internacionais como Acta Paediatrica e PLOS One, que recibiron varios premios nacionais e internacionais ata a data. “A determinación dos niveis de IGF1 así como a presenza de infeccións nas primeiras semanas permitíronnos establecer un cálculo de probabilidade de risco e realizar un protocolo de cribado e seguimento destes pacientes”, subliña Muñuzuri. Debido a este especial seguemento, afirma Alejandro Muñuzuri, “desde hai xa 4 anos, as cifras de retinopatía do noso servizo son moi inferiores a calquera outro centro de terceiro nivel da xeografía española e probablemente mundial, non foi preciso tratar con láser a ningún neno gran prematuro nado no noso Hospital e todas as retinopatías que tivemos foron fases iniciais que se resolveron sen incidencia”.

Comentarios