martes. 19.06.2018 |
El tiempo

Reyes insta ao goberno local a negociar coa concesionaria do párking do Clínico unha baixada das tarifas

Reyes insta ao goberno local a negociar coa concesionaria do párking do Clínico unha baixada das tarifas

O aparcadoiro do CHUS é, como destacou Paco Reyes, o máis caro de Galicia, pero non só iso, senón que cidades máis baratas como Ourense ou Vigo chegaron a acordos coas concesionarias para baixar as súas tarifas

O voceiro socialista, Paco Reyes, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para denunciar, unha vez máis, os elevadísimos prezos do aparcadoiro do Clínico, que chegan a triplicar os que se cobran noutros espazos similares en cidades como Ourense. O concelleiro instou, neste sentido, ao goberno local a negociar coa concesionaria para buscar fórmulas encamiñadas a reducir o custe para tantas persoas que teñen que deixar o seu vehículo no párking do centro hospitalario.

O aparcadoiro do CHUS é, como destacou Paco Reyes, o máis caro de Galicia, pero non só iso, senón que cidades máis baratas como Ourense ou Vigo chegaron a acordos coas concesionarias para baixar as súas tarifas. O edil, que lembrou que este tema se ten levado recorrentemente a pleno, asegurou que xa non se pode agardar máis e "se outras administracións locais foron quen de resolver o problema", non hai razón que xustifique que en Santiago non se teña chegado a un acordo.

Así, Reyes esixe ao goberno de Compostela Aberta que inicie as negociacións, e que se estuden posibilidades como baixar prezos, establecer franxas horarias de balde ou mesmo achegar unha parte das tarifas para abaratar os custes aos usuarios e usuarias.

Como dixo o voceiro, estamos ante o que vén sendo un "copago engadido", xa que son moitos os milleiros de persoas que cada día teñen que deixar o seu vehículo nestas instalacións de competencia municipal, tanto de Compostela como da área sanitaria, que en moitos casos logo quedan en Santiago.

Polo tanto, e aínda que os socialistas consideran que o Sergas debería ter previsto o párking necesario para satisfacer a demanda existente e que, de feito, apoian tamén que constrúa outro estacionamento no seu perímetro, o certo é que tamén instan ao goberno local a negociar baixadas coa concesionaria. 

Comentarios