O aeroporto de Santiago integraráse no territorio co proxecto sectorial de AENA

O aeroporto de Santiago integraráse no territorio co proxecto sectorial de AENA

Este acordo ten por finalidade facilitar o desenvolvemento por parte de Aena do plan director do aeroporto e do plan de actuación aeroportuaria

O Consello da Xunta autorizou onte o acordo polo que se declara de incidencia supramunicipal o proxecto sectorial do sistema xeral aeroportuario de Santiago, facilitando o desenvolvemento do plan director do aeroporto e do plan de actuación aeroportuaria redactados pola empresa pública Aena.

Este proxecto sectorial ten como finalidade conseguir a plena integración do aeroporto de Santiago no territorio sobre o que se asenta, incorporando o dito sistema xeral nos plans urbanísticos e territoriais dos concellos de Santiago de Compostela, Boqueixón e O Pino. Inclúe tamén as medidas e as previsións necesarias para garantir unha eficiente xestión e explotación, así como o seu desenvolvemento e conexión cos sistemas xerais de transporte terrestre.

Deste xeito, o obxectivo do proxecto sectorial elaborado por Aena é a ordenación urbanística e territorial dos sistemas xerais aeroportuarios e a súa tramitación é unha competencia autonómica ao afectar máis dun concello.

O proxecto sectorial do sistema xeral aeroportuario de Santiago trata de garantir unha oferta que potencie o aeroporto como porta de entrada do turismo nacional e internacional, e xere actividade económica, emprego e renda. E ao mesmo tempo mellóranse as instalacións do aeroporto como centro de atracción para outras industrias e actividades económicas asociadas ás súas sinerxías. A posta en marcha das actuacións que se van desenvolver realizarase seguindo un plan de etapas en que as distintas fases se asocian á evolución da relación capacidade ou demanda ligada á prognose de tráfico contida no Plan director do aeroporto e nos plans de actuación aeroportuaria.

Os investimentos en infraestruturas públicas correspondentes ao aeroporto de Santiago e recollidas polo Ministerio de Fomento no Documento de regulación aeroportuaria (DORA) 2017-2021 ascende a preto de 14,3 millóns de euros.

Comentarios