O grupo Municipal Popular solicita información sobre o peche do centro BTT da Santa Susana na época de maior demanda dos usuarios

O grupo Municipal Popular solicita información sobre o peche do centro BTT da Santa Susana na época de maior demanda dos usuarios

O Grupo Municipal que dirixe Agustín Hernández realizará unha pregunta no vindeiro Pleno ordinario, co fin de poder coñecer cando se vai volver abrir ao público nas debidas condicións estas instalacións

O Grupo Municipal Popular amosouse estrañado pola finalización da tempada do Centro de Bicicletas Todo Terreo (BTT) da Susana ao comezo do pasado mes de marzo nunha época de maior demanda polos usuarios, unha circunstancia que foi ocultada polo Goberno de Compostela Aberta.

Esta desinformación é palpable ata na páxina deste organismo, por esta circunstancia, o Grupo Municipal que dirixe Agustín Hernández realizará unha pregunta no vindeiro Pleno ordinario, co fin de poder coñecer cando se vai volver abrir ao público nas debidas condicións estas instalacións.

Cabe sinalar que tras un longo proceso, iniciado en 2014 e que supuxo a rehabilitación da Escola Unitaria para a súa posta en valor como centro vinculado fundamentalmente ao turismo e ao deporte, o Goberno de Martiño Noriega deu a coñecer, en marzo de 2017, as instalacións do novo BTT na Susana, anunciando o inicio da súa actividade para o mes de maio daquel ano.

Sen embargo, houbo que esperar ata o mes de setembro para que abrisen ao público estas instalacións, promovendo os servizos alí ofrecidos a través dunha páxina web en internet e da publicación de trípticos de distribución pública.

Así mesmo, chama a atención que este servizo inclúa o alugueiro de bicicletas de paseo que non se adaptaban aos itinerarios deseñados e propostos desde o propio centro, xa que se conta con seis itinerarios que descorren maioritariamente por camiños de terra e pistas de monte, entre bosques e terreos húmidos con fortes desniveis, dos que unicamente un deles se consideraba de nivel “fácil”.

O centro permaneceu aberto durante os meses de outono e boa parte do inverno, pero no mes de febreiro, as bicicletas que se ofrecían foron retiradas e, a finais dese mesmo mes, as instalacións deixaban de ofertar os seus servizos. Este peche só era anunciado cun cartel colgado no exterior no que aínda hoxe se pode ler: “Fin de tempada BTT A Susana. A partir do 1 de marzo o Centro BTT A Susana permanecerá pechado por fin de tempada”.

O Grupo Municipal Popular considera incrible que un centro aberto hai menos de un ano leve case catro meses pechado e máis aínda que o motivo aducido para o seu peche sexa “fin de tempada”, coincidindo o remate co inminente inicio da primavera e continúe cando comeza o verán, xustamente a época con mellores condicións para os percorridos ciclistas e turísticos.

Comentarios