lunes. 25.06.2018 |
El tiempo

O CPEIG celebra hoxe a súa “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” en Santiago con preto de 400 convidados

O CPEIG celebra hoxe a súa “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” en Santiago con preto de 400 convidados

Carlos Latre presentará o evento no que se entregarán os premios anuais da profesión e ao que asistirá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

O CPEIG celebra hoxe venres, día 15, a “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, unha gala que terá lugar no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela a partir das 20:00 horas na que se entregarán os premios anuais da profesión. Está previsto que preto de 400 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do empresariado, da Administración Pública –onde destaca a asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo–, do ámbito universitario e profesionais. A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. Esta décima edición será presentada polo humorista Carlos Latre, que ademais ofrecerá un sketch cómico no transcurso da gala.

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.

O presidente do Consejo de Colegios de Ingenieros en Informática –Juan Pablo Peñarrubia–, a enxeñeira Miriam Pena, a directora de Negocio TI de Indra en Galicia –Lucía Ardao–, o investigador Joaquim de Moura, ISMS Forum, INCIBE, o programa Digitalizadas e a aceleradora Vía Galicia son as persoas e organismos distinguidos

O Colexio profesional premiou na categoría e-Inclusión ao proxecto Digitalizadas (https://www.digitalizadas.org/) polos valores que fomenta ao desenvolver competencias tecnolóxicas que permiten a mulleres, especialmente da contorna rural, aumentar a súa influencia persoal e profesional en Internet. Os obxectivos son reducir a brecha de xénero, promover a inserción social e laboral das mulleres, protexer os seus dereitos e seguridade no eido dixital, e xerar unha rede de dixitalizadoras, é dicir, unha comunidade de mulleres con maior interese no uso da tecnoloxía para fomentar o emprendemento e o autoemprego, que aportan experiencias e referentes empresariais locais femininos. O programa foi posto en marcha pola Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org, coa colaboración do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.

Na categoría de iniciativa Emprendedora a distinción recaeu na aceleradora Vía Galicia, por dar soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, aportando capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. Vía Galicia é un ecosistema para emprendedores, situado en Nigrán e promovido pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Esta aceleradora cre nas persoas e nas ideas e axuda a facer realidade un proxecto baixo un modelo de negocio rendible e sostible. Busca emprendedores con proxectos innovadores, acelerables, investibles e relevantes. Ata a data, Vía Galicia avaliou máis de 1.000 ideas de negocio, conta con 68 empresas aceleradas e 157 proxectos impulsados, cunha xeración de 338 postos de traballo.

No premio iniciativa Empresarial, o CPEIG recoñeceu o labor de ISMS Forum por incentivar o fomento da seguridade da información a través da promoción do desenvolvemento, coñecemento e cultura da Seguridade da Información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector. A Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información (ISMS Forum Spain) é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2007 e creada cunha vocación plural e aberta, que se configura como un foro especializado de debate para empresas, organizacións públicas e privadas, investigadores e profesionais onde colaborar, compartir experiencias e coñecer os últimos avances e desenvolvementos en materia de seguridade da información. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 160 empresas asociadas e máis de 900 profesionais asociados polo que é a maior rede activa de organizacións e expertos comprometidos coa seguridade da información en España.

Miriam Pena, unha das maiores autoridades mundiais en Erlang

O premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en informática, recaeu este ano en Miriam Pena Villanueva. O CPEIG valorou a súa meteórica progresión profesional, seleccionada pola plataforma Women 2.0 como unha das doce enxeñeiras máis importantes en Silicon Valle en 2018. A enxeñeira, natural de Bueu, traballa actualmente na compañía de software publicitario AdRoll en San Francisco (EEUU), onde desempeña a función de staff engineer -–enxeñeira de plantilla–, un dos postos máis relevantes dentro dunha compañía tecnolóxica onde se encarga de deseñar e implementar partes críticas da infraestrutura de ofertas en tempo real.

AdRoll desenvolve solucións que conseguen que as persoas volvan a unha páxina de Internet publicando anuncios personalizados nos dispositivos, a web e as redes sociais. Titulada por la Facultade de Informática de la Universidade da Coruña, Miriam Pena conta con máis de 10 anos de experiencia en sistemas escalables, de alto rendemento e concorrencia (execución de múltiples tarefas interactivas). Antes de traballar en AdRoll prestou consultoría especializada en Erlang –unha linguaxe de programación deseñado por Ericsson– en Suecia, España, Exipto e Estados Unidos para proxectos que van desde automóbiles ata redes sociais e telecomunicacións, polo que esta enxeñeira é considerada unha das maiores autoridades mundiais en Erlang.

O CPEIG quere, mediante a concesión do Ada Byron, visibilizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes “dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza na saída da actual crise económica”. Segundo o Colexio, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”. O premio Ada Byron recibe o nome da escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

Na categoría de iniciativa da Administración, o Colexio distinguiu ao Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), unha entidade de referencia para o desenvolvemento da ciberseguridade e da confianza dixital dos cidadáns, con especial interese nos menores, e tamén nas empresas, sobre todo en sectores estratéxicos. Esta sociedade estatal, dependente do Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital a través da Secretaría de Estado de Sociedad de la Información y la Agenda Digital, desenvolve ademais unha parte importante do seu traballo en colaboración coas Fuerzas y Cuerpos de Seguridad del Estado.

O CPEIG distingue a misión de INCIBE, destinada a reforzar a ciberseguridade, a confianza e a protección da información e a privacidade nos servizos da sociedade da información, aportando valor a cidadáns, empresas, Administracións, rede académica e de investigación española, sector das tecnoloxías da información e as comunicacións e sectores estratéxicos en xeral.

No premio Traxectoria Profesional, o colectivo recoñece o percorrido profesional de Lucía Ardao Rodríguez. Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business School e programa Executiva da Xunta de Galicia son algúns dos méritos académicos de Ardao.

Desde o inicio da súa carreira profesional en 1996, a súa traxectoria está vinculada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións, desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa de unidades de negocio e operacións en empresas como Denodo Technologies, Softgal ou Tecnocom. Actualmente é responsable do Negocio de TI de Indra en Galicia.

Indra é líder mundial no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas integrais en campos como defensa e seguridade, transporte e tráfico, enerxía e industria, telecomunicacións e media, servizos financeiros, procesos electorais, e Administracións Públicas e sanidade e de transformación dixital a través de Minsait.

No exercicio 2017, Indra tivo uns ingresos de 3.011 millóns de euros, 40.000 empregados, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países.

En relación ao premio Colexiado de Honra, o CPEIG decidiu conceder esta distinción especial ao presidente do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática (CCII), Juan Pablo Peñarrubia Carrión. Anteriormente presidente do colexio valenciano, compaxina o seu labor colexial coa xefatura do departamento de Innovación na Deputación de Valencia. O Colexio galego ofrécese esta gran distinción por se un “traballador infatigable en busca da regulación da enxeñaría en informática e a defensa da profesión en todo o seu alcance”.

Nesta décima edición de A Noite, o CPEIG creou unha nova categoría, o premio 10º Aniversario de A Noite, distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio ao longo destes dez anos de A Noite: Telefónica, Plexus, HPE, Bahía Software e Xunta de Galicia.

Finalmente, o CPEIG convocou o Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador –mentres que o resto de distincións recibirán unha estatuíña–, quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. O premio recaeu en José Joaquim de Moura Ramos polo seu proxecto “Reconstrución 3D da árbore arterio-venosa da retina a partir de imaxes OCT” como traballo fin de máster na Universidade da Coruña. Ademais, os tres finalistas beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.

Comentarios