Expertos en Calderón de la Barca debaten en Compostela

Expertos en Calderón de la Barca debaten en Compostela
Expertos en Calderón de la Barca debaten en Compostela

A inauguración oficial da xornada comezará ás 9.30 horas

‘Calderón: texto e significado’ é o lema do congreso internacional a celebrar o luns 18 e o martes 19 no Centro de Estudos Avanzados (CEA) organizado polo grupo de investigación Calderón de la Barca da USC e coordinado polos profesores Santiago Fernández Mosquera e Isabel Hernando Morata. O encontro conta co patrocinio da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO). A inauguración oficial da xornada comezará ás 9.30 horas.

O obxecto principal deste congreso internacional, que fai o número catro dos organizados polo devandito grupo, é poñer en contacto a investigación dos membros máis novos con reputados especialistas internacionais da materia. Desta forma, convocáronse estudosos das universidades de Oxford, Roma Tre, Castela A Mancha, Navarra, Complutense, Illes Balears, Xenebra, Neuchâtel, Münster, Valladolid ou da Universidade do Pacífico do Perú que compartirán dúas intensas xornadas de traballo no Centro de Estudos Avanzados.

A estes investigadores sumaranse os membros do equipo da USC que traballan nas universidades de Vigo e da Coruña polo que, como destaca o profesor Fernández Mosquera “pódese dicir que todo o calderonismo de Galicia estará presente neste congreso”, ademais dunha boa representación dos investigadores internacionais sobre o teatro do Século de Ouro.

O Grupo de Investigación Calderón, coordinado polo profesor Santiago Fernández Mosquera, traballa dende hai anos na edición e estudo da obra de Calderón e é un referente na edición académica da obra do dramaturgo español. Varios investigadores formados no seu seo están espallados por universidades españolas e europeas e neste momento conta con dez membros da USC e catorce de universidades de todo o mundo, nomeadamente, da Universidade de Chicago, Xenebra, Libre de Berlín, Neuchatel ademais das de Vigo e A Coruña.

Comentarios
Lo más