Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe actualizan a oferta de graos da USC para o vindeiro curso

Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe actualizan a oferta de graos da USC para o vindeiro curso
Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe actualizan a oferta de graos da USC para o vindeiro curso

A Universidade de Santiago de Compostela engade para o vindeiro curso tres novos graos á súa oferta de estudos. Trátase dos títulos de Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe, os dous primeiros a impartir en Santiago e o terceiro –compartido coa Universidade da Coruña- en Lugo; todos cunha oferta inicial de 50 prazas

A Universidade de Santiago de Compostela engade para o vindeiro curso tres novos graos á súa oferta de estudos. Trátase dos títulos de Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe, os dous primeiros a impartir en Santiago e o terceiro –compartido coa Universidade da Coruña- en Lugo; todos cunha oferta inicial de 50 prazas. 

Os detalles desta nova oferta académica achegounos onte en rolda de prensa o reitor Antonio López, que destacou a longa traxectoria de estudos e investigación coa que contan na USC os títulos de Criminoloxía e Biotecnoloxía así como o carácter innovador do grao en Paisaxe. Aténdese así ademais a unha certa proporcionalidade no que respecta ás áreas de coñecemento, incrementándose as de Ciencias Sociais, Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura. López aproveitou ademais para anunciar que este ano o grao en Química oferta un grupo en inglés de materias de primeiro curso.

Na rolda de prensa o reitor estivo acompañado pola vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, polos decanos dos centros onde se desenvolverán os graos, o de Bioloxía, Antonio Segura; de Dereito, Gumersindo Guinarte, e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, que explicaron algunhas das singularidades dos novos estudos da USC.

Criminoloxía 

A Facultade de Dereito será o centro que acolla tanto o primeiro curso do grao de Criminoloxía como o ‘curso ponte’ ao que poderán acceder os estudantes que rematasen na USC o título propio ‘ Diploma Superior en Criminoloxía’. Ofértanse 50 prazas de novo ingreso e outras tantas para o curso ponte.

A implantación do grao, que coordina Fernando Vázquez-Portomeñe, será progresiva -un curso por ano- e agárdase que teña, como noutras universidades españolas, unha elevada demanda de acceso. O primeiro curso consta de materias que suman 60 créditos de formación básica de diversas áreas (dereito, psicoloxía, socioloxía, linguas modernas, informática...), reflectindo o carácter interdiscipllinar destas ensinanzas. Pola súa banda, o curso ponte, ao que se accederá por orde de cualificacións do título propio, consta de 70 créditos e medio, incluíndo un traballo de fin de grao.

Outras universidades do Estado imparten estudos similares con destacadas cifras de aceptación entre o alumnado que accede á Universidade á vista das notas de corte.

Biotecnoloxía 

Polo que respecta ao grao en Biotecnoloxía, impartirase na Facultade de Bioloxía, en estreita colaboración coa ETSE e a Facultade de Farmacia. O coordinador será o profesor Javier Sampedro, do Departamento de Bioloxía Funcional.

A biotecnoloxía está a resolver grandes problemas nos ámbitos da saúde, para o tratamento de enfermidades, a acuicultura, vacinas, cultivos e alimentos mellorados e usos non alimentarios dos cultivos, ademais do coidado medioambiental. De feito, o Goberno galego traballa no deseño de novas estratexias para o sector biotecnolóxico, hoxe emerxente pero que se agarda sexa un polo de atracción de investimentos (prevese que entre 2016 e 2020 un investimento de 200 millóns de euros para dinamizar este proceso).

O grao oferta unha ampla formación transversal que permite a incorporación ao mundo laboral en diversos ámbitos profesionais: investigación e desenvolvemento de procesos biotecnolóxicos, dirección de empresas biotecnolóxicas e xestión da investigación e desenvolvemento en industria e organismos públicos, patentes e propiedade intelectual ou ensinanza e comunicación científica, entre outras.

O grao oferta a posibilidade de elixir en cuarto curso entre tres itinerarios ou mencións: Biotecnoloxía Sanitaria, Biotecnoloxía Industrial e Biotecnoloxía Agroalimentaria.

Paisaxe 

O Grao en Paisaxe, compartido coa UDC, pretende cubrir unha demanda da sociedade no ámbito da xestión do recurso paisaxe, aproveitando a experiencia e os medios humanos e materiais de dous centros altamente especializados como son a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura (UDC). Na USC a coordinadora deste título é María Isabel Iglesias.

Esta formación, que integra materias e disciplinas moi diversas (proxectos, urbanística, topografía e xeomática, arquitectura, medio ambiente, botánica, edafoloxía, bioloxía, arte, historia ecoloxía, xeoloxía, hidroloxía, construción, economía, socioloxía, xeografía humana e física, etc...), está a ser obxecto dun proceso de homoxeneización dentro do ámbito da Unión Europea, no que, baixo a denominación de Proxecto Le-Notre, participan máis de cen universidades de todo o mundo.

Neste marco, necesítanse profesionais especializados nesta temática para traballar nas empresas e administracións e que ademais se incorporen a outros equipos multidisciplinares para desenvolver os instrumentos de plans urbanísticos e de ordenación do territorio que, cada vez con máis intensidade, demandan maior atención e sensibilidade cara á paisaxe. 

Comentarios