O alcalde agradécelle a Masito Beiró o deseño do cartaz da Romaría do Santiaguiño do Monte

O alcalde agradécelle a Masito Beiró o deseño do cartaz da Romaría do Santiaguiño do Monte

A Concellería de Festexos está a ultimar o programa de actividades, que comprenderá desde o 18 ata o 25 de xullo

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, recibiron no consistorio o deseño do cartaz da Romaría do Santiaguiño do Monte 2018 de mans do seu autor, o pintor e ilustrador padronés Masito Beiró.

O rexedor local destacou que, tras o cartaz deseñado o ano pasado por Camilo Seira, o goberno local "quixo seguir contando con artistas locais e é de agradecer a predisposición e a colaboración altruista de Masito Beiró".

Pintor e deseñador, Masito Beiró ten elaborado multitude de cartaces, como os das Festas da Pascua, as Festas da Anguila, a Santa Tecla de Corrubedo e tamén dos intercambios coa localidade francesa de Noirmoutier. Ademais, ten participado en exposicións pictóricas en Bos Aires, París, Barcelona e diversas localidades galegas.

O propio autor do cartaz explica que "representa aos gaiteiros, que son a pedra angular da romaría padronesa, na contorna natural do lugar xacobeo do Santiaguiño do Monte". "A muller gaiteira homenaxea ao grupo Os Rosales, de Asados, que nos anos 60 incorporou a unha muller ao grupo, algo que era insólito naqueles tempos e que, como é lóxico, na actualidade xa é normal; mentres que os nenos xogando representan a continuidade desta ancestral romaría", sinala Beiró.

Comentarios
Lo más