Carlos García Amigo actuará no Paraninfo da Universidade

Carlos García Amigo actuará no Paraninfo da Universidade
Carlos García Amigo actuará no Paraninfo da Universidade

O recital, de entrada libre ata completar aforo, será ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade


O ciclo de concertos ‘Oculta polifonía’ coas Tres sonatas e Tres partitas para violín só (BWV 1001-1006) e as Seis suites para violonchelo só (BWV 1007-1012) de Johann Sebastian Bach continúa o luns 25 coa actuación do violonchelista galego Carlos García Amigo.

O recital, de entrada libre ata completar aforo, será ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade e nel interpretará as Suites n.º 2 en Re menor, BWV 1008 e n.º 6 en Re maior, BWV 1012.

GARCÍA AMIGO

Carlos García Amigo inicia os estudos de violonchelo aos 11 anos, completándoos no Real Conservatorio da Haia (Holanda) onde se licencia no ano 2000. Entre os seus mestres, ademais do seu pai destacan os violonchelistas Lito Iglesias, Dalibor Sebestik, Gregor Hosch, Monique Bartels e Antoine Ladrette (interpretación histórica), e Lien Shan (Artes Marciais).

Nos seus anos de formación, a Fundación Barrié de la Maza, a Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia concedéronlle unha bolsa, e formou parte da Nova Orquestra de Galicia, da Orquestra Nova da OSG, da Schleswig-Holstein Musik Akademie Orchester, así como do Grupo de Cámara In Itinere da USC. En 2001 ingresa tras audición na Real Filharmonía de Galicia, coa que actuou en diversas cidades e escenarios de Galicia e do resto do estado, así como de xira en Francia, Portugal, Arxentina, Brasil e Cuba.

Impulsor no nacemento da Asociación de Violonchelistas de Galicia Soncello, tamén foi responsable do nacemento do cuarteto de violonchelos de Compostela Chelicia e membro do Trío Artabria e o ensemble s21, este último consagrado á música contemporánea. É un activo instrumentista no eido da interpretación con instrumentos de época, o que o levou a colaborar con diferentes grupos de Galicia, España e Portugal entre os que destacan Ars Combinatoria, Alio Modo, Il Combattimento, Americantiga. No dito eido interpretativo, é director musical do grupo Herbens Consort, así como membro do Cuarteto Alicerce.


Comentarios
Lo más