O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, trasladará as reclamacións da N-550 ao novo Goberno

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, trasladará as reclamacións da N-550 ao novo Goberno
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, trasladará as reclamacións da N-550 ao novo Goberno

Fernández Angueira lembra que nos PGE 2018 figura unha partida inicial para licitar as obras de mellora e humanización da travesía da estrada N-550 ao seu paso por Padrón

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, anunciou hoxe que tralo recente cambio de Goberno en Madrid solicitará unha reunión na Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e, de ser necesario, tamén no propio Ministerio de Fomento para urxir a execución do proxecto de mellora da estrada N-550 conforme á planificación de investimentos recollida nos Presupuestos Generales del Estado (PGE) 2018 aprobados polo PP.

Fernández Angueira lembra que nos PGE 2018 figura unha partida inicial para licitar as obras de mellora e humanización da travesía da estrada N-550 ao seu paso por Padrón, no treito de 1,5 quilómetros que comprende desde o límite con Pontecesures ata a entrada na vila. O rexedor padronés precisa, ademais, que os orzamentos recollen unha planificación plurianual da obra, de xeito que prevén un investimento total de 4,05 millóns de euros para deixala rematada no ano 2020.

"Desde Padrón non imos cambiar de estratexia respecto ao novo Goberno, simplemente imos esixir o mesmo que xa lle esixiamos ao Goberno anterior e, como xa conseguimos  que esa obra figure nos orzamentos con consignación para poder licitala xa, o que queremos é que o novo Goberno nos confirme que vai manter ese compromiso e que estableza prazos concretos de execución", explicou o rexedor padronés.

Fernández Angueira apunta que esta actuación sería a continuación dun proxecto acometido por vía de emerxencia na primeira metade do mandato anterior, cando no ano 2013 se procedera á demolición de 16 casas que se atopaban en estado de ruína e que levaban expropiadas desde os anos 90.

O alcalde lembra que eses derrubamentos xa supuxeran un investimento de medio millón de euros sendo ministra de Fomento Ana Pastor. "A humanización da entrada en Padrón é unha actuación que está inconclusa e que é vital tanto por cuestións de seguridade vial como para mellorar a imaxe do noso pobo", remarcou.

Comentarios